A Pedreira, crónica do Colón

© Foto: Sabela Vázquez

A PEDREIRA: CANTOS ONDE A BALEA MORA

Esta é unha crónica do concerto “A Pedreira” de Ugia Pedreira no Teatro Colón da Coruña do pasado día 18 de decembro de 2020. Por José Expósito Alcocer.

………………………………..

Cando cheguei á Coruña entre a chuvia, Ugia e Pierrot estaban rematando as probas de son. Eu teño que confesar que sentía unha emoción intensa, mestura de curiosidade, alegría contida e de recordos, pois unha das últimas veces que vira a Ugia fora tamén diante dun teatro na Coruña ao pouco de nacer a Lúa, esa que “veu para cambialo todo”. Lémbrome que nos demos unha aperta, que hoxe en día sería un luxo prohibido. Desta vez a aperta foi moito máis contida polas circunstancias pero coa mesma calidade na intención. Aos poucos coñecín a Marina Oural, pendente da escena dáballe indicacións a Ugia. Saudoume coa efusividade impropia dunha persoa que me descoñece e ao mesmo tempo sentina tan familiar que non me resultou estraña. Así é ela. Polo menos é así como eu a sentín.

O Corpo pedíame acción e atopei a compañía de Xurxo Pinheiro. Xurxo, máster do son. Coñecémonos desde hai moitos anos e gustaríame dicir que traballa co son con delicadeza e dedicación “quase” cirúrxica, meticulosa. A min sempre me gustou velo tanto recollendo un cable como mesturando música no ordenador. Dá gusto ver o movemento dos corpos que desenvolven o oficio con artesanía. Rematamos como pitos camiñando polas rúas veciñas ao Teatro Colón. Chegamos uns quince minutos antes de comezar.

Subín ao palco onde estaban Ramom Pinheiro d’aCentral Folque, produtor do concerto no Teatro Colón e Sabela Vázquez, fotógrafa do evento. A Ramom Pinheiro ou “Chito” nótolle unha emoción especial por ver a Ugia; non é a do produtor, é a emoción do poeta, a do irmán. A familia afectiva derredor de moito máis que un produto cultural. Esta é a fórmula que desde hai moitos anos inspira a acción cultural da Folque.

Un amor e respecto profundo pola cultura popular galega e, ao tempo, un feixe de propostas heteroxéneas e impuras con esta raíz na base. Con aCentral aprendes, vexo, len, escoitamos, tocan, bailades, cantan … Unha sorte de resurrección, de volta á vida da comunidade cultural.

Apáganse as luces e o público, correctamente procesado polo colectivo de acomodación do Teatro, permanece cativo e separado nas butacas, enmascarado; dá unha sensación un tanto apocalíptica á que non me dou acostumado. Os billetes para o espectáculo levaban días esgotados.

Ugia sae a escena, séntase nunha alfombra e colle a súa guitarra. Sentada no chan e iluminada coas luces do berce, a nai fala da nena que veu como “o vento para cambialo todo”. Os medos, a confusión da nena que non comprende “que pasa derredor de min” . A letra e a escrita como base do espectáculo. A palabra que se encarna. A palabra como símbolo, como debuxo que ben podería ser o noso inconsciente, que ben podería ser o encerado de calquera colexio público. Ese descoñecido e confuso lugar é graficamente explícito por momentos en forma de mensaxe, fórmula química, debuxos ou garabatos. Desta parte ocupouse no espectáculo Xabier Belho “A molestia existe cando te aferras a algo”.

Ugia está dándose un paseo pola música e os seus estilos con algunha estridencia e con moita tranquilidade. A pauta é simple: “Vivir con poucas cousas” é estar presente en cada detalle da vida. Esta simplicidade é trasladada á música. A voz núa é acompañada con poucos instrumentos. Non boto en falta nada. É o instante o que se conquista nunha vida máis consciente. A importancia de pasmar no interior e no exterior tamén. E permitirse ese tempo a unha mesma. Ser eu máis planetaria-mente.

Ugia recita poesía. Ela segue baixo un triángulo de luz. Ela nai, ela filla e ela cantábrica dá paso á balada senlleira “para quen ten triste a alma, son golpes no peito”.

Érguese, abandona o chan como cando aparcas a inocencia cara un marco cadrado e adulto. A luz de Alberto Casas acompaña a transformación. Certamente é unha transformación rápida que camiña paseniño, “unha congostra sen retorna” que nos mergulla nas relacións de amor adultas. É o momento da música de bolero, da rumba da muller e a súa conexión co mar. “O mar non ten finalidade”. Demasiadas veces buscamos finalidades naquilo que facemos ou nas persoas que amamos. Estas causalidades moitas veces aparecen de lugares tan afíns á nosa terra como a Bretaña. Pierrot Rougier sae a escena e os dous vanse de Viaxe Orgánica de pel con pel, de voz a voz. A complicidade escénica entre eles lévame a imaxinalos na súa casa divertidos, cantando xuntos, xogando coas bases electrónicas esa química feita de “auga, carbono e o teu corpo”.

Alguén dixo algunha vez que a infancia é a verdadeira patria do ser humano. Xa rematando o concerto, Ugia volta ao sentarse no chan, todas regresamos finalmente á infancia. Todas temos medo. O medo impulsa, protexe ou paraliza. Todas temos erros. Todos somos nenos. A filla do Cantábrico e das tribos do mar invítanos a mirar con valentía o vendaval. O público devolvemos o favor cun aplauso sentido e a mirada tenra de quen asiste a un cálido arrolo. Vénme á cabeza a palabra “nutrición” a través da cultura e a alta cociña de Ugia Pedreira. “GRAZAS POLA VOSA MIRADA”.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Grazas polas palabras que sabias, explican as emocions e sentimentos que nos enchen e humanizan….

Deixa un comentario