O día 7 de agosto celébrase «A rota das concertinas», unha ruta que vincula o sendeirismo coa música, entre a raia de Galiza e Portugal. A camiñada sairá de Terrachán (Entrimo) ás 9:00 da mañá, para desprazar ás participantes en autobús ata Olelas, aldea musical, centro neurálxico da concertina. Desde Olelas camiñarase nunha ruta de dificultade media-baixa, apta para maiores e pequenos, ata o Ribeiro, en Portugal, guiada polo músico e escritor Xurxo Souto. Serán varias as paradas para tocar e compartir no camiño historias e melodías de Olelas. Ao chegar ao Ribeiro celebrarase un xantar de confraternización con empada, lacón, pan, auga e viño, incluídos no prezo da inscrición. Arredor das 17:00 volverase a Terrachán. Ao acabar o acto un autobús devolverá ás persoas que veñen desde Olelas ata o seu lugar de orixe.
- DÍA: 7 de agosto
- PREZO: 15 € adultos, 10€ crianzas
- INSCRICIÓN: correo a info@folque.com
- +INFO: no tfno 698 144 852
PAGAMENTO:
-Persoas de Entrimo: efectuarase o pagamento no propio concello de Entrimo, á atención de María Isabel.
-Persoas de fóra de Entrimo: efectuarase o pagamento o día da rota, antes de entrar ao autobús. Prégase levar o diñeiro xusto.
ALOXAMENTO:
-Gratuíto: habilitarase o deportivo municipal en Entrimo para aloxar a persoas que queiran ir a noite antes. Deberán levar os enseres necesarios (saco de durmir, chanclas para a ducha…) para pernoctar.
-De pago: hoteis e pousadas en Entrimo.
Estupenda iniciativa. Precioso percurso, fácil e cheo de significados. Non deixedes de reflexionar naquel espazo do Ribeiro de Baixo, onde os veciños da aldea portuguesa aproveitan e fan uso dos terreos do lado galego sen unha miga de problema. Unha raia que é carreiro de irmandade.