Abellón. Reseña do libro

Abellón. O libro negro das zoadeiras. De Xoan-Xil López e Mauro Sanín

Abellón, unha das últimas novidades que nos trouxo a editorial d’aCentral Folque neste ano, é un texto complexo que abrangue temas que van dende a antropoloxía do misticismo até a etnomusicoloxía comparativa e a organoloxía. Na súa portada aparece un misterioso símbolo triangular, que quizais queira representar os tres puntos clave sobre os que pivota o estudo elaborado polos seus autores: o zunido, a morte e a dupla inseparable que forman rito e xogo. Este tres ángulos converxen sobre a figura do Abellón, tradición galega que serve de punto de partida a unha frenética viaxe que sae de Vilanova de Arousa e que nos levará á India, a Zambia e á Melanesia; tamén, a través do tempo, aos ritos funerarios do Imperio Novo de Exipto, máis de mil anos antes de Cristo, e a visitar os familiares panteóns do pasado clásico de Europa. Adornan o triángulo tres abellas, insecto que é fonte orixinal e transmisor destes sons entre humanos de todo o mundo.

Tratándose dunha proposta que combina tal cantidade de focos e perspectivas, a capacidade de moverse entre rexistros e alternar achegas variadas é sen dúbida unha virtude a salientar de Abellón. Se ben nas súas 155 páxinas apenas hai tempo de profundar na maioría de tradicións e ritos que citan os seus autores, estes logran abrirlle ao lector o mundo da zoadeira sen que se perda nel, sen apartarse en demasía do camiño que marca a tradición galega do Abellón, sempre presente coma telón de fondo. O rito do Abellón descrito por Alfredo Brañas en 1884 e as preguntas que suscita nesta parella de investigadores son a forza que impulsa o texto a saltar de continente en continente e de século en século na busca de verdades máis universais e profundas sobre a orixe e significado da familia de fenómenos musicais á que se adscribe.

Ao longo do texto algunhas conexións de grande alcance emerxen con claridade crecente: a abella e outros himenópteros posúen cargas simbólicas que os sitúan no campo do máxico, o esotérico e o escatolóxico en multitude de culturas, e os sons zoantes que emiten xogan un papel esencial nesta conexión co máis alá. A miúdo ao zoar da abella se lle atribúen poderes de invocación (ou escorrentamento, no caso das entidades de carácter negativo) e efectos de transo ou alteracións na conciencia de uso ritual, e por tal motivo xorde un pulo por imitalo por medio de diferentes instrumentos, identificados baixo a categoría de zoadeiras. Páxina a páxina, vai desvelándose o enorme alcance simbólico destes elementos, que os ubica en contextos moi diversos. A exposición dos resultados do exhaustivo labor de investigación que produciu tal cantidade de exemplos está acompañado de audaces hipóteses que puideran axudar a conectalos entre si e acadar conclusións máis xerais a propósito destas prácticas.

Mais “O Libro Negro das Zoadeiras” non ofrece respostas: meramente suxire, estimula, expón. En concordancia co carácter misterioso e plurivalente do seu obxecto, a lectura de Abellón, se ben ten un valor propio e resulta completa en si mesma, convida a continuar reflexionando sobre os seus conceptos principais e a seguirlle as pistas cando menos a algunha das infindas referencias que López e Sanín poñen sobre a mesa, que apuntan dende as páxinas de Abellón cara a outros textos e outras realidades. Afortunadamente, o texto conta cunha extensa bibliografía que servirá como punto de partida ao lector curioso que decida continuar lendo sobre as zoadeiras.

Se cadra, o maior logro de Abellón. O libro negro das zoadeiras é poñer o foco nunha familia de sons que na actualidade resultan atípicos, recuperar o seu valor tanto cultural como puramente sonoro e sinalar a extraordinaria amplitude de tradicións que abrangue o seu uso. Abellón devólvenos a un marco musical orgánico onde a natureza e o instrumento dialogan. A obra logra así conectar algúns dos sons e instrumentos máis antigos e esquecidos con temas musicais de plena actualidade, conseguindo reivindicar as zoadeiras e actuar por recuperalas nun só xesto. De feito, das tres partes nas que o texto está dividido, só unha está pensada para unha lectura convencional: o Libro II está dedicado á construción manual destes instrumentos nas súas versións máis sinxelas e espalladas, empregando materiais de fácil acceso, con indicacións e detallados debuxos que resultan tan elegantes coma esclarecedores; o Libro III inclúe unha proposta de interpretación para grupos de zoadeiras de distintas alturas, recollidas nunha sinxela notación totalmente orixinal e deseñada especificamente para este propósito. Deste xeito preséntase unha nova trinidade, que completa elegantemente a disposición xeométrica da obra aproveita de xeito óptimo as posibilidades non só académicas senón tamén didácticas e prácticas que ofrece o estudo das zoadeiras e os sons que producen.

Os tres libros están encadernados nun tomo pequeno de cor negra e letras douradas que transmite á perfección, nunha soa ollada, todo o que agocha de misterioso e sagrado o son das zoadeiras. O proxecto Abellón vese completado por unha serie de vídeos artísticos e informativos de acceso libre que se poden consultar na canle de YouTube d’aCentral Folque.

Unha reseña de Minia Monteagudo Vilavedra



Lista de reproducción de vídeos do ABELLÓN

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Moi novidoso e moi interesante !!!!!

Deixa un comentario