Dentro da programación do Monumenta 2018 , aCentral Folque participa en dúas sesións neste agosto. A primeira “O océano desde a costa de Ángeles Alvariño” é o domingo 12 de agosto en Valdoviño; a segunda, “Meigas e feitizos con Gustav Henningsen“, é o sábado 18 de agosto na vila de Ordes. As xornadas deste festival son de balde con reserva previa na súa web.
Artistas d’aCentral Folque van pór a música para ámbalas dúas xornadas en distintos proxectos específicos para estas sesións da man do zanfonista Ariel Ninas acompañado do músico electrónico Anxo Faraldo (Valdoviño) e da tocadora Carme da Pontragha (Ordes).
“O océano desde a costa de Ángeles Alvariño” é o domingo 12 de agosto. Valdoviño. Inscrición aqui
Programa adicado á científica oceanógrafa Ángeles Alvariño (Serantes, Ferrol) nas costas de Valdoviño cun roteiro entre os cantís de Meirás e punta Frouxeira o vindeiro 12 de agosto pola mañá. A actividade (andaina e concerto) é de balde e debe reservarse con antelación aquí. O roteiro estará guiado polo xeógrafo Juan Bedoya e a acción sonora de Ariel Ninas e Anxo Faraldo creada específicamente para o espazo dos túneles de bateria militar abandoados no cabo da Frouxeira.
Ariel Ninas e Anxo Faraldo comezan a traballar xuntos en 2010 nunha relación na que a sonoridade acústica e a evocación da tradición se mesturan coa electrónica máis cirúrxica e minimalista, sen comprometer as súas identidades orixinais. Para este evento, baixo o faro de Valdoviño, preparan unha peza a medio camiño entre instalación e concerto, para o que aproveitan a peculiaridade da sonoridade e a memoria deste lugar.
“Meigas e feitizos con Gustav Henningsen“, é o sábado 18 de agosto. Ordes
Inscrición aqui
Programa adicado a este antropólogo cun roteiro por Ordes o vindeiro sábado 18 de agosto pola tarde. A actividade (andaina e concerto) é de balde e debe reservarse con antelación aquí. O roteiro estará guiado polo musicólogo Xabier Groba e o concerto de Tralo-Valo deseñado para esta actividade exclusivamente interpretado con repertorio gravado polo antropólogo danés na súa estadía na vila nos anos 60.
Tralo-Valo é o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, que interpretarán cancións do repertorio gravado polo antropólogo G. Henningsen en Galicia (1964-1968), fundamentalmente da bisbarra de Terra de Ordes. Música de matriz patrimonial, que se conservou ao longo de xeracións, florece agora coa forza da tradición oral: muiñeiras, pateados, romances, cancións de andar o camiño, alalás, agarrados.