A Real Academia Galega canda a Universidade de Santiago de Compostela organizan máis unha vez os Cursos de Verán de Lingua e Culturas Galegas no que é a XXXIII edición deste programa denominado Galego sen fronteiras no que participará aCentral Folque con tres obradoiros arredor da música de raíz os vindeiros 10, 12 e 17 de xullo para preto de media centena de estudantes estranxeiros. Estes cursos destinados a persoas de fóra de Galicia para varios niveis de habelencia lingüística e decorren entre o 3 e o 24 de xullo de 2023.
Alumnos e alumnas desta edición proceden dos Estados Unidos, da Arxentina, do Reino Unido, do Brasil, da India, da China, Finlandia, Francia, Países Baixos, Italia, Ecuador, Cuba, Polonia, Alemaña, Rusia, Suíza, Austria, Chequia, México e España. Súmanse aos máis de dous mil cincocentos que dende 1988 pasaron polas aulas duns cursos que, como apuntaron tamén os demais intervenientes no acto deste mediodía, contribúen a espallar a lingua e a cultura de noso por todo o mundo. Moitas das persoas estranxeiras e de territorios de España que na actualidade se dedican a verter a literatura galega a outras linguas e a ensinaren o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes estudantes deste programa.
As actividades que aCentral Folque ten programadas deste ano versarán sobre a danza, a improvisación e o patrimonio musical cun curso de baile con Mercedes Prieto, de regueifa con Alba María e unha andaina na cidade con Richard Rivera.
Bailamos? 10 Xullo, 2023 19:00 no CSC do Centro Cívico Romaño – Vista Alegre. Santiago de Compostela.
Curso de baile para principiantes:
Baile para unha foliada. Aprenderemos como eran os ciclos dos bailes que constituían a festa. Sempre como protagonista o noso baile tradicional solto (muiñeira e xota) e diversos bailes en parella, mais algún xogo. Entre os agarrados encóntranse os valses, pasodobres, mazurcas e outros. Con este repertorio, poñeremos en presente un xeito de facer a festa de sempre.
Bailes de roda. Máis accesíbeis. Danzas galegas e europeas para amolecer os corpos e liberar endorfinas. Carballesa, muiñeira corrida, agarradiño, círculos,…
Mercedes Prieto é licenciada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1994. Licenciada en Danza na Facultade de Motricidade Humana no ano 2005. Doutorada en Ciencias da Educación no ano 2018. Foi profesora de expresión dramática e corporal na ESE de Beja e imparte formacións intensivas para diversas institucións como o CEFORE, JOBRA entre outras. É fundadora e directora pedagóxica da Associação PédeXumbo. Mandadora no baile do espectáculo da compañía Clara Andermatt “Fica no Singelo” (2013 a 2016). Cantora e monitora de danza en bandas de misiva folk: Monte Lunai e Pula-lhe o pé (1998 a 2010) e Pesdelán dende 2011 ata actualidade. Coautora de publicacións como o “Zampadanzas”, “Na punta do pé” e “Entroidanzas”. Actualmente, entre outros proxectos puntuais, realiza as actividades e formacións do proxecto que a mesma criou a partir dunha investigación de varios anos na que relaciona a danza e a matemática – MatDance.
A regueifa, o brindo e o repente na Galiza: improvisación dita na tradición oral 12 Xullo, 2023 19:00 na Facultade de Filosofía
Este é un taller colectivo eminentemente práctico para aprender as técnicas básicas da poesía oral improvisada galega baseado nos recursos do xénero en Galiza (regueifa, brindos, canto ao desafío). Melodía, prosodia, memoria, rima, verso, métrica, espontaneidade, métrica, versificación,… para todos os niveis e condicións.
Alba María é unha cantora, compositora e regueifeira galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: “Aínda” (aCentral Folque, 2014). Desde os 13 anos comeza a cursar acordeón no Conservatorio de Vigo e mergúllase no mundo da música tradicional galega, desenvolvendo unha intensa actividade como improvisadora oral, eminentemente no eido da regueifa. É licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e imparte aulas de Lingua Galega no ensino secundario.
Música en Compostela 17 Xullo, 2023 19:00
Andaina comentada en Santiago.
Viaxe no tempo a través das músicas que se escoitaron e se produciron en Compostela: o Códice Calixtino é a primeira polifonía europea, a música medieval dos trobeiros e xograres, as campás da catedral, a música para órgano, a música de raíz, a música popular urbana…
Visita polas rúas da cidade para ver in situ os lugares senlleiros onde a música é a protagonista.
Richard Rivera é guía turístico oficial e cantante. Foi membro do grupo seminal Ecléctica Ensemble con Ugia Pedreira, Davide Salvado e Ramom Pinheiro. Foi o coautor dos libros de Itinerarios históricos musicais, guías editadas por Ouvirmos a comezos do século XXI dedicados a Lugo, Vigo, Tui, Mondoñedo, Pontevedra, Celanova, Monforte, Ourense, Rianxo e Santiago (non publicado).