Abellón

“Abellón” é un proxecto artístico e educativo itinerante por distintas localidades da provincia da Coruña que propón cursos de aprendizaxe activa na construción de brinquedos sonoros tradicionais (zoadeiras); a publicación dun libro sobre “a danza do abellón” -rito funerario practicado até principios de século nos velorios da Galiza rural-, as bramadeiras e unha guía de artesanía DIY (“Do It Yourself”) para a montaxe de zoadeiras (xoguetes musicais que imitan o zunido dos insectos) e creacións audivisuais artísticas sobre as zoadeiras para unha reflexión sobre a vida dos insectos, da apicultura, da arte e da memoria colectiva e a súa importancia como feito de cohesión social da comunidade. Este proxecto está promovido polo Departamento de Cultura da Deputación Provincial da Coruña co programa de Proxectos singulares de especial interese cultural.

O proxecto estrutúrase entón en tres eixos ou tipo de acción principais:

  • Abellón crea: o libro (divulgación e guía de artesanía musical)

  • Abellón divulga: vídeo-arte (en Internet en galego con subtítulos inglés)

  • Abellón ensina: os obradoiros (cursos en escolas públicas)

“Abellón” é un proxecto único e pioneiro sobre o son, a organoloxía (instrumentos de membrana libre) e o mito das abellas dentro das prácticas populares galegas asociadas coa morte nunha reinterpretación contemporánea.

Ademais é un convite a unha reflexión, aparentemente non conectada, do mundo biolóxico (abellas e insectos) co artístico (acústica e paisaxe sonora) e co social (o ritual da morte).

“Abellón” é pioneiro na temática que desenvolverá pois non existen no país (segundo o noso coñecemento, tampouco no mundo) ningunha acción académica ou escénica ou pedagóxica que xunte estes tres universos antes mencionados.

“Abellón” é unha intervención artística e educativa. Por un lado atende á preservación dun acervo cultural galego adormecido (artesanía de brinquedos sonoros) nos seus propios contextos fomentando a educación, a dinamización social, a programación cultural e a participación interxeracional con criterios inclusivos, e por outro o estudo formal deste fenómeno como manifestación artística tradicional, susceptible de ser practicada espontaneamente ou levada ao espazo escénico sen menoscabo da súa forma e contido.

O proxecto traballa cunha idea e un costume xa perdido na sociedade galega e presentala dun xeito vangardista, actual e axeitado aos tempos sen arcaicismo ou folclorismo.

Sobre as zoaderias

Aínda que existen moitas versións deste instrumento, a máis sinxela consta dunha lámina de madeira atada por un extremo a unha corda. Cando a facemos xirar a certa velocidade produce unha vibración no ar. Os musicólogos Sachs e Hornbostel clasificáronos como instrumentos aerófonos libres.

O seu son é continuo, con pequenas modulacións en función da velocidade e os xestos do intérprete e está asociado a diferentes animais en moitas culturas, especialmente coas abellas. En Galicia recóllense algunhas citas como esta que aparece: “El ronco, abellón o xoga, hecho de cáscara de nuez o de un pedazo de caña que lo cubren con pergamino, en el que hacen dos agujeros por los que pasan una cerda de caballo, y con un nudo corredizo que se le ata a un palito: al dar vueltas este aparato, describiendo círculos en el aire produce un sonido de abejorro bastante desagradable”. (revista Mondaríz, 1920).

O proxecto aquí presentado poderá ter continuidade no futuro de xeito activo e real coa organización de máis obradoiros de construción musical, a reedición do libro ou novos vídeo-tutoriais con outro modelos de zoadeiras.

Abellón crea: o libro

“Abellón. O libro negro das zoadeiras” é  a publicación do libro escrito por Xoán-Xil López, investigador e antropólogo. O lanzamento será a finais de ano 2019. O libro é unha reinterpretación contemporánea do mito das abellas dentro das prácticas populares galegas asociadas coa morte (a danza do abellón).

Logo dunha serie de investigacións sobre a práctica pagá do “Avellón” [sic.] documentada por Alfredo Brañas en Vilanova de Arousa no ano 1884, que consiste nunha especie de xogo diante do corpo da persoa defunta no velorio para reproducir o son das abellas (zunido) coa voz mentres se daban voltas arredor seu, descubrimos que a asociación das abellas coa alma e os ritos funerarios está moi presente en diferentes culturas universais dende a antigüidade. Ao mesmo tempo atopamos referencias ao uso de instrumentos da familia das membranas libres (zoadeiras) en celebracións rituais.

Pola outra banda existen referencias, como as recollidas polo antropólogo Gustav Henningsen nos seus traballos de campo (1964-68), que sitúan este tipo de xogos onomatopeicos nun ámbito máis festivo e lúdico mentres autores como Marius Schneider falan do uso de instrumentos da familia das membranas libres (zoadeiras) como o método escollido nalgunhas culturas para imitar o son das abellas nas celebracións rituais.

Este libro ven a recoller toda esta investigación para darlle un novo sentido a través da súa actualización dende a óptica da arte contemporánea e a performance colectiva, partindo sempre dun rigoroso proceso de investigación. O interese do proxecto reside no proceso de recontextualización e actualización deste tipo de prácticas tradicionais así como a súa difusión nunha serie de obradoiros e performances/concertos situándonos nun contexto próximo ao da música contemporánea e a arte sonora.

A publicación está organizada en tres seccións ou “libros”:

Libro I: céntrase na recolla de moitas referencias á simboloxía das abellas na cultura poñendo especial énfase no son. A través de textos biolóxicos, filosóficos, antropolóxicos, etc. trataremos de contextualizar a importancia deste insecto e a súa simboloxía.

Libro II: neste apartado proponse unha serie de esquemas e tutoriais para a creación de diferentes tipos de zoadeiras que se poden elaborar con facilidade na casa. Algunhas serán modelos tradicionais e outros reinterpretacións máis contemporáneas destes aerófonos.

Libro III: o último libro funciona como unha proposta/partitura de performance colectiva na que se poden utilizar os instrumentos anteriormente construídos.

Abellón divulga: os vídeos

De cada un dos modelos de zoadeiras dos que se explique a súa construción no libro, haberá unha creación artística en formato de vídeo disponíbel en aberto na Folque TV para describir de xeito vangardista os modelos que se refliecten no libro da construción destes brinquedos sonoros. Estes vídeos ademais axudarán na divulgación do proxecto e lanzaranse antes e despois do lanzamento da publicación do libro. Serán difundidos en aberto, a través de repositorios como archive.org, en plataformas de vídeo on-line e compartidos na web d’ aCentral Folque e en redes sociais, dando inicio á promoción do proxecto.

Tamén se incluirá na estratexia de divulgación as presentacións do libro que se realicen ex-professo, non só na provincia da Coruña, senón tamén en toda Galiza.

Abellón ensina: os obradoiros

Neste obradoiro afondarase nas implicacións antropolóxicas da danza do abellón ao tempo que reflexionaremos sobre o rito e práctica do canto colectivo de imitación do zunido das abellas na sociedade rural. A parte práctica é un curso de construción de zoadeiras e da experimentación sonora coa voz.

Para todos os públicos e habelencias, o brinquedo estará a medio facer e acabará sendo montado na sala á vez que falaremos sobre as implicacións simbólicas do rito do abellón na sociedade galega e outros exemplos doutras culturas. A idea é que as zoadeiras fagan parte dunha performance final con todas as persoas asistentes ao curso.

As zoadeiras, normalmente recoñecidas como xoguete infantil para facer sons e zunidos á vontade. Esta costume non é un feito exclusivo galego senón que se atopa en moitos lugares e culturas do mundo. E non só dunha realidade antiga, “perdida” ou “tradicional” senón que a reinvención dese brinquedo atópase hoxe moi inserida na vida infantil a partir do chamado “spinner” ou na versión sonora da zoadeira “sonic spinner”.

Calendario de obradoiros de construcción de zoadeiras

  • Asociación Brisas do Quenllo, A Pontraga, Tordoia. Domingo 17 novembro

  • CEIP Ana María Diéguez. Asados, Rianxo. Xoves 28 novembro

  • IES Maximino Romero de Lema, Baio. Xoves 5 decembro

  • IES de Ames. Bertamiráns. Xoves 12 decembro

 

Organiza:

http://www.folque.com

Promove:

https://www.dacoruna.gal/cultura/

Comments are closed