II Jazz da Rua Nova

Jazz da Rúa Nova é un programa que se desenvolverá  nas marxes do Jazz habitual valorizando o patrimonio musical local ao redor deste estilo. Terá lugar o vindeiro 3 de outubro nos barrios da Peregrina e do Romaño/Vista Alegre. Roteiro con intervencións artísticas, palestra sobre o jazz en Compostela, unha performance e un concerto para presentar un novo proxecto coa revisión das cantigas medievais en clave jazzística.

O Jazz forma parte da cultura musical compostelana desde hai máis de un século. A fins do XIX no Café Casino xa se organizan bailes nos seus grandes salóns ao son do cake-walk. Logo virían os anos do Charlestón e as Jazz-band que se presentaban no lendario QuiQui bar. Xa para fins do s.XX a cidade comeza a albergar progresivamente concertos, clubs, bandas, escolas… No s. XXI chega a madurez e con ela as novas creacións fundamentadas no patrimonio musical local. Esta é a segunda edición dun programa que comezou no 2019 co I Jazz da Rúa Nova con concertos no Teatro Principal, unha programación que quer profundar en experiencias derivadas da nova cultura do Jazz galega e compostelana.

Para a II edición apóstase por sacar o Jazz do confinamento en bares, salas e teatros e levalo de forma natural e lúdica ás parroquias, deseñando actividades lúdicas e integradoras pensadas para contar, ademais do público incondicional do xénero, coa participación de público familiar e interxeracional. A programación concentrada na xornada do sábado 3 de outubro, convida a cidadanía a mergullarse e facer parte da nosa particular e diversa “cultura do Jazz” incluíndo roteiros, poesía, performance, conferencias e concertos. As actividades desenvolveranse no norte do Concello, as da mañá na parroquia da Peregrina e as da tarde no Romaño.

Programa:

Roteiro. Ornitology. Con Nastasia Zürcher e Ramón Bermejo; Quico Cadaval.
12 h. Paseo circular da Peregrina. Saída desde o quiosco da música. en caso de choiva, no CSC da Peregrina.

Performance. Rosas Negras. Con Chefa Alonso e Marina Oural
13h. CSC da Peregrina.

Palestra. As orixes do Jazz en Compostela. Con Beatriz e Alberto Cancela
19h. CSC do Romaño

Concerto. Pablo Sanmamed: Ben vennas Maio. Con Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Pablo Sanmamed (dirección e contrabaixo).
20.30h. CSC do Romaño

Reserva de entradas

  • Podes facelo enchendo este formulario: http://www.folque.com/01.140415wp/reservas-jazz-da-rua-nova-2020/
  • NOTA: Reservas agotadas para todas as actividades agás a palestra “Orixes do jazz em Compostela” (actualizado a 1 de outubro 18.30h)
  • As actividades son de balde con aforo limitado e controlado nas normas de distancia e hixiene actuais.
  • *IMPORTANTE: Perderás o dereito da entrada 10 minutos antes da actividade. A partir dese momento, persoas en lista de agarda online ou presencial poderán ocupar a túa praza.

Programa extendido:

Ornitology. Con Nastasia Zürcher e Ramón Bermejo; Quico Cadaval.

Esta iniciativa consiste nun singular Roteiro circular, de dificultade baixa, que transcorre pola contorna da parroquia da A Peregrina. Contará cun máximo de 40 participantes. No seu desenvolvemento haberá distintas paradas nas que intervirán o narrador Quico Cadaval e as voces do canto de Natascha Zucker e Ramón Bermejo. Historias do Jazz de Compostela, Jazz voices e unha escoita activa dos cantos dos paxaros para homenaxear ao clásico Ornitology de Charlie Parker.

Rosas Negras. Con Chefa Alonso e Marina Oural

Rosas Negras é unha proposta artística interxeracional cunha aposta pola improvisación libre na música e a voz na declamación natural. Xúntanse dúas creadoras de ámbitos moi diferentes na procura do fío que as une: compartir arte escénica para mellor saúde. Música, texto, corpo e voz, deixan o silencio fluir para maior escoita do verso como se de pétalos se tratase. Marina Oural e Chefa Alonso, criban a semente das rosas e tocan as espiñas, cunha intención clara de fincarse no radical, na raíz profunda onde comeza a vida e se anuncia a morte. Unha pro­posta escénica para todos os públicos, para que a vida suceda nunha creación moi persoal ao longo de 45 minutos.

 As orixes do Jazz en Compostela. Con Beatriz e Alberto Cancela

A musicóloga compostelana Beatriz Cancela é unha profunda coñecedora do patrimonio musical de Santiago e atesora prestixiosas e premiadas publicacións monográficas como as dedicadas a Santiago Tafall, a Banda de Música Municipal ou a familia Courtier. Para a presente edición de Jazz da Rúa Nova Beatriz nos sorprenderá, en colaboración co tamén musicólogo Alberto Cancela, coas descubertas da súas investigacións inéditas sobre a historia do Jazz en Santiago.

Ben vennas Maio. Pablo Sanmamed ofrece unha visión contemporánea sobre a música trovadoresca tendo como punto de partida as cantigas de Afonso X e Martín Códax. Na estética musical do proxecto conviven elementos dispares de orixe como a lingua galego-portuguesa, as melodías coetáneas de influencia arábigo-andalusí e uns arranxos na sección harmónica e rítmica coa linguaxe do jazz contemporáneo. Unha selección única de voces, timbres, sonoridades, textos e melodías. Un proxecto único e inédito que se presenta en concerto para este Jazz da Rúa Nova que se publicará a finais de ano publicado nun disco vinilo.

 

Comments are closed