III Jazz da Rúa Nova

Máis un ano desenvólvese en Compostela o Jazz da Rúa Nova. Do 2 ao 5 de setembro, aCentral Folque co apoio da Concellaría de Acción Cultural, convida á cidadanía a mergullarse e facer parte da particular e diversa “cultura do Jazz” incluíndo un concerto especial de Alejandro Vargas e intervencións de arte sonora, narración oral, memoria local e actividades dixitais. As actividades desenvolveranse en espazos urbanos como a sede Afundación (rúa do Vilar), o hotel NH Collection Santiago e en lugares das parroquias rurais de San Xoán de Fecha e A Peregrina. Podes ver abaixo o programa completo.

Jazz da Rúa Nova quer consolidarse con esta 3ª edición como unha programación novidosa, alonxada dos clásicos festivais ou mostras de jazz e afondar noutro tipo de experiencias derivadas da nova cultura do jazz galega e compostelá.

A oferta artística continúa coa aposta por sacar o jazz do confinamento en bares, salas e teatros e levalo de xeito natural e lúdico a barrios e sobre todo ás parroquias do rural como acontecerá coas intervencións de Quico Cadaval en San Xoán de Fecha e Xurxo Souto no adro da igraxa d’A Peregrina.

Na programación participarán 19 artistas: música, arte sonora, narradores orais e palestrantes apostando polo valor local. O pianista Alejandro Vargas, o baixista Mû Mbana, o guitarrista Marcos Pin, o saxofonista Pablo Castaño, o cantor e pedagogo Ramón Bermejo, a musicóloga Beatriz Cancela, o musicólogo Alberto Cancela, o artista sonoro Xoán-Xil López, a antropóloga e performer Paula Ballesteros, ou a directora teatral Cristina Domínguez son algúns dos nomes protagonistas da presente edición.

Jazz da Rúa Nova dá cabida a propostas con participación feminina incorporarando actividades con perspectiva de xénero como as dirixidas polas musicólogas Beatriz Cancela e Eva Moreda.

O festival continúa promovendo os valores da sustentabilidade e o seu respecto polo patrimonio destacando un xacemento arqueolóxico como é “A pedra que fala” en Vilar do Rei para a realización dunha “inmersión sonora” por parte do Colectivo Rupestre Sonoro. Para esta actividade haberá un autobús desde Compostela. Poderán anotarse desde as redes sociais de aCentral Folque.

Cómpre salientar ademais a participación activa no proxecto de: Ateneo de Santiago, o Coro da Rá, Colectivo A Rula, CE Mauxo, Luneda, AVV. San Xoán de Fecha, A.VV. Da Peregrina, As Nosas Músicas e a Asociación A Pedra que Fala.

INFORMACIÓN PARA ASISTIR ÁS ACTIVIDADES

  • Xoves 2 setembro: Entradas para o concerto de Alejandro Vargas & Mû Mbana en: https://n9.cl/14czw
  • Sábado 4 de setembro: andaina desde Santa Isabel á Peregrina. Saida ás 17.30 h desde a entrada das piscinas de Santa Isabel.
  • Domingo 5 de setembro: accións artísticas en Vilar do Rei e San Xoán de Fecha. Solicita praza no bús no seguinte mail: jazzdaruanova@gmail.com. O bus sairá ás 9.50 h da Praza da Galiza e ás 10 h de San Roque.

PROGRAMA ESTENDIDO:

Xoves 2 de Setembro

  • 20:00 h. Hotel  NH Collection Santiago (Vite) – Alejandro Vargas – Mû Mbana. Concerto
  • 21:30 h. Hotel  NH Collection Santiago (Vite)  Marcos Pin Trio. Jam session

Venres 3 de setembro

  • 20:00 h Auditorio Afundación (rúa do Vilar).  Beatriz Cancela + Alfonso Espiño + Antón Porterio + Ramón Bermejo. Diálogos “A memoria do Jazz en Compostela”

Sábado 4 de Setembro

  • 19:00 h Adro da Peregrina.  Xurxo Souto. Andaina-narración: “O Adro da festa”
  •  19:30 h. CSC da Peregrina. Richi Casás e Fran Barcia Concerto dialogado: Fuliada na Vila

*Saída da andaina desde as piscinas de Sta. Isabel até A Peregrina.

Domingo 5 de setembro

  • 10:30 h. Penedos d’A pedra que fala, Vilar de Rei, San Xoán de fecha. Colectivo Rupestre Sonoro: Paula Ballesteros, Alejandra Pombo,  Pablo Castaño, Alba Cid, Xoán-Xil López e Berio Molina. Inmersión sonora: A pedra que fala
    *Colaboración especial Coletivo Maúxo
  • 12:30h Igrexa Parroquial de San Xoán de Fech. Quico Cadaval (narración) e Pablo Castaño (saxofón). “San John Coltrane de Fecha”
    *Posibilidade de desprazarse en autobús previa inscrición.

Comments are closed