Os contos de Joselín

José Rodríguez de Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).

capa joselinValentín Paz-Andrade definiu a «Joselín» como un xograr que soubo enraizar os seus contos na antiga tradición do escarnio popular de mariñeiros e labregos. Un artista capaz, a través dos seus discos de contos galegos, de facer estalar o riso. O seu maior momento de popularidade foi de 1929 a 1932, en Galiza, e xa nos anos 30, en Arxentina.

A integral dos contos galegos de Joselín, pioneiro na arte na narración oral, que logo foi continuada por contadores posteriores coma o Xestal ou Farruco, nunca antes fora compilada. Na edición de 1976, a máis extensa existente, hai 12 contos. Ramon Pinheiro, investigador de aCentral Folque localizou os 23 que gravou, a maioría deles en 1929. Na presente edición, ofrecemos a integral dos Contos Galegos de José Rodríguez de Vicente, xunto a un estudo da investigadora Laura Tato.

Tres oradores de renome recrearán en palco “Os contos de Joselín” e asociaranos aos seus propios. Quico Cadaval será o director artístico deste espectáculo, no que tamén participarán o lalinés Celso Fernández Sanmartín e o zamorano José Luís Gutiérrez “Guti” que ademais de contar, canta, como tamén facía Joselín cos cantares de cego. O espectáculo ofrecerá tamén imaxes de época de Joselín, do que se poderá escoitar un conto na súa voz.

A partir de mediados dos anos vinte, grazas á difusión por radio, a industria fonográfica buscou superar o seu mercado habitual, de clases medio-altas. As principais compañías, interésanse a finais dos anos vinte en realizar gravacións antolóxicas do folclore galego. Entre estas destacan as realizadas por Joselín, primeiras mostras das posibilidades comerciais que lles brindaban os discos eléctricos aos actores cómicos galegos. Estas primeiras gravacións de contos e monólogos realizáronse en xuño de 1929 pola discográfica Regal no Teatro Principal de Ourense, e comercializáronse a través dun catálogo – o primeiro exclusivo de gravacións galegas- no que compartillou espazo con Os gaiteiros de soutelo, Faustino Santalices ou o Coro de Ruada.

Joselín realizaría novos rexistros até completar un total de 23 números impresionados todos eles entre 1929 e 1942. Títulos como “Romance de Ciego”, “O retrato”, “O tabeirón” ou “Que listo é o meu fillo” acadaron un notábel éxito de vendas e contribuíron á popularizar a creación do cómico vigués, distinguido polo seu traballo coa Cruz do Mérito Civil.

Os materiais contidos no legado de Joselín conservado tanto pola familia Paz- Andrade como pola familia Delgado-Tapias foi estudado nestes dous últimos anos pola profesora e investigadora da UdC Dna. Laura Tato, unha das máximas autoridades da investigación historica do teatro galego. O resultado é un soberbio estudo biográfico, unha analise historica da obra de Rodrígues de Vivente e a transcrición integral dos seus monólogos -todos os gravados e algumas pezas inéditas-.

Para a presente edición recuperase un texto de Valentín Paz-Andrade, cedido pola súa familia, a modo de prólogo, elaborado em 1976 para a reedición – fragmentaria- das gravación fonográfica de Joselín emprendida polo intelectual e empresario. Ademais incluese unha extensa documentación gráfica provinte de distintas coleccións públicas e privadas: Fondo Legado Paz-Andrade, Fondo Delgado Tapias, Fondo Real Academia Galega, Fondo Fundación Penzol e Fondo Arquivo Sonoro de Galicia – Consello da Cultura Galega.

A masterización do CD está feita por Pablo Barreiro (Radio Galega)

O contido do CD é a integral de Contos Galegos de José Rodríguez de Vicente, interpretados por Joselín e rescatados para a presente publicación:

  1. O tabeirón
  2. A misa
  3. Retrato
  4. Romance de cego
  5. Desenclavo
  6. Que listo é o meu fillo
  7. As Noces
  8. Teléfono
  9. Na taberna
  10. Enterro
  11. O médico
  12. De quen é o can?
  13. Inferno
  14. Difuntiño
  15. Xan do caeiro
  16. Terraqueo do Demo
  17. A Chambona
  18. A calivera de San Cosme
  19. Entroido
  20. Os caciques
  21. A Santa Unción
  22. Zapateiro
  23. Eu son de San Payo de Navia

 

This slideshow requires JavaScript.


Vídeo promo con imaxes e a voz e Joselín: A misa

.

Comments are closed