Rede de Músicas Soltas Redondela’17

cartel.cdrUn ano máis a vila dos viadutos énchese de música no inverno. Este ano serán catro concertos: de xaneiro a abril. Catro meses nos que o Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá catro artistas galegos e de fóra de Galiza que virán presentar os seus novísimos traballos discográficos: Juan Perro, Primordiais, La banda morisca e Sonia Lebedynski.

A Rede de Músicas Soltas arrinca o domingo 15 de xaneiro ás 20h con Juan Perro, alter ego artístico de Santiago Auserón que nos presentará o seu novo disco “El viaje”, sétimo álbum de Juan Perro, gravado co único acompañamento da súa guitarra acústica. Unha colección de cancións pacientemente elaboradas e rodadas, buscando o núcleo no que o canto xermina, o esquelete espido que comeza a despregarse na busca do oínte.

Desde o tema que abre o disco, Los inadaptados, até o tema que o pecha e dá título ao álbum, a busca de equilibrio entre o risco poético e as formas da canción popular recorren un amplo abano de estilos. No novo repertorio de Juan Perro, a herdanza afro-norteamericana (o blues, o R&B, o rock, o soul, os estándares jazzísticos) intégrase de maneira cada vez máis natural coa tradición afrolatina –principalmente cubana– e coas músicas de Iberia. O verso en castelán evoluciona así nun ámbito renovado de sonoridades con fundamento e ideas atrevidas, con gañas de futuro. A escrita e a interpretación de Auserón empezan a achegarse á madurez, sen deixar atrás o descaro de experimentador adolescente.

O sábado 18 de febreiro seguen Primordiais, dúo de arpa, voz e percusión formado por Luis Martíns e Marcelo DoBode, dous primos que, desde Soutomaior nos traen as súas “musicas de OrTa”, musicas en crecemento, simbiose perfecta entre tradición e Modernismo. Eles veñen presentar o seu disco “Drogueria Moderna” e, ademais do concerto no Auditorio, farán tamén presentacións aos escolares da vila para que os máis novos coñezan de perto estas músicas tan próximas e, se cadra, tan descoñecidas para eles.

La banda morisca é o grupo que estará no mes de marzo, o día 5. La banda morisca é un proxecto que nace da experimentación, innovación e investigación nas tradicións andaluzas. A recuperación do patrimonio literario e musical da antiga al-Andalus e da franxa mediterránea é a peza clave na consolidación deste proxecto. 
A formación e a traxectoria dos seus componentes, así como as ganas de seguir innovando e a súa creatividade compoñen unha identidade artística única no terreo da música folque e de raíz.

Esta agrupación está formada por músicos de distintas procedencias (JoseMari Cala, JuanMi Cabral, José Cabral, Antonio Torres e Andrés T. Rodríguez) que converxen nas músicas de raíz e tradición, coa inquietude de experimentar e evocar a herdanza cultural da antiga al-Andalus e o seu reflexo no son da actual Andalucía, o Magreb e o Próximo Oriente. Inspirado por esta herdanza andalusí e polo romanceiro tradicional, o grupo propón unha visión creativa e orixinal dun repertorio que mestura as influencias orientais e occidentais do Mediterráneo (moaxajas andalusíes, Chaabi, Dahmane el Harachi, Nass el Ghiwane…) co espírito do flamenco tradicional e do rock andaluz.

La Banda Morisca está afincada en Cádiz, onde levan cinco anos e dous traballos discográficos. O que nos veñen presentar a Redondela é o último deles: “Algarabya”.

E a artista que fecha as Músicas Soltas 2017 é Sonia Lebedynski, presentado disco o 8 de  abril. Sonia entra en contacto coa música moi nova. Con trece anos era voz solista de Vaite-embora! e, desde entón, ten colaborado con múltiples formacións e artistas, ademais de ter sido a voz de Fía na Roca durante máis de dez anos. Mais non foi até o 2016, logo de décadas sobre os escenarios, cando bota a andar a súa carreira en solitario, co disco “Deserto de centos”, que virá presentar a Redondela o 8 de abril. Estamos diante dun disco de autora -forneado xunto co brasileiro Sérgio Tannus- que é resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo súa traxectoria musical e vital: trad, folc, funk, pop, música brasileira…

‘Deserto de centos’ é unha viaxe iniciática cara a un horizonte por descubrir. É o sedimento das músicas escoitadas e cantadas, dos proxectos dos que fixo parte, das persoas e dos lugares que coñeceu, dos versos que leu e que escribiu. Aí está todo o seu universo sonoro e vital. Unha aposta atrevida e moi persoal, que estará acompañada en directo por Sérgio Tannus (dirección musical e cordas), Carlos Freire (percusións), Roberto Comesaña (piano e acordeón), Martiño Domínguez (saxo tenor e barítono) e Jose Luis Miranda (trombón). Ademais de Sérgio Tannus na dirección musical, en ‘Deserto de centos’ colaboraron na parte creativa moitos nomes destacados da música galega, como Xosé Lois Romero, Guadi Galego e Óscar Losada, en letras, músicas e arranxos.

Info práctica

  •  Calendario: fins de semana de xaneiro a abril.
  • Hora: 21 h (20 h concerto de Juan Perro)
  • Lugar: Auditorio da Xunqueira de Redondela.
  • Billetes: 7 € / 5 € reducida (agás Juan Perro: 20€ billeteira/15€anticipada/10€reducida)
  • Descontos: nen@s menores de 10 anos, parados ou persoas pensionistas. Menores de 3 anos entrada libre deben ocupar butaca co pai/nai.
  • Venda de entradas: Auditorio da Xunqueira desde o mércores da semana do concerto en horario de 10 h a 14 h e de 17 a 21 h. Reserva no mesmo lugar, ou no teléfono 986 40 28 65, desde o mércores da semana de cada concerto. IMPORTANTE: as reservas hai que recollelas até o sábado até ás 14 h no propio Auditorio, do contrario quedan a disposición da billeteira antes do concerto.
  • Máis información de cada sesión:

Programa de concertos

Data/hora Evento
15/01/2017
20:00
Juan Perro na RMS
Auditorio da Xunqueira, Redondela
18/02/2017
21:00
Primordiais na RMS
Auditorio da Xunqueira, Redondela
05/03/2017
21:00
La banda morisca na RMS
Auditorio da Xunqueira, Redondela
08/04/2017
21:00
Sonia Lebedynski na RMS
Auditorio da Xunqueira, Redondela

Comments are closed