XVIII Zona da Zanfona. Rianxo 2022

Nos vindeiros 2, 3 e 8, 9, 10 de xullo 2022 aCentral Folque organiza a Zona da Zanfona. Encontro Internacional en Rianxo. Un evento que cumpre as dezaoito edicións ininterrompidas organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo onde teñen pasado os nomes máis senlleiros da escena europea nas últimas dúas décadas.

Zona da Zanfona é o festival da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito. Esta edición terá unha programación especial con algunha novidade mantendo o espírito que combina as actividade para o público xeral e a atención ao especializado de outros lugares que se acheguen até a Ría de Arousa. Músicos amadores e profesionais e audiencias en xeral que atoparán interés e deleite na escoita deste fabuloso instrumento. O ZdZ ofrece na vila mariñeira e literaria de Rianxo unha desculpa para vir e gozar de concertos, cursos e convivio arredor da zanfona.

A programación pivota en tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e a xuntanza de escolas de zanfona (que recupera o festival logo de dous anos de ausencia no programa). Os concertos atenden a un criterio de especialización (o virtuoso italiano Francesco Giusta e as músicas piemontesas), popular (o espectáculo creado especialmente sobre a zanfona do coro histórico Cántigas da Terra “Arredor da roda” cos solistas convidados Iván Abal, Gutier Álvarez, Luís “O Caruncho”, Miro Casabella e Óscar Fernández) e as novas expresións (o proxecto portugués de Pedro Viana e João Martins). Esta edición contará de novo co “Palco Aberto ZdZ”, unha mostra das escolas de zanfona do país que amosan diferentes músicas que aprenden ao longo do ano. Os concertos son de entrada libre.

Os cursos de interpretación serán con prazas limitadas. O de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio, empréstase un desde a organización) e de especialización con Francesco Giusta sobre as músicas do Piemonte para a ghironda. E a novidade deste ano, o curso de nivel intermadio co zanfonista vasco Gorka Bravo sobre as músicas de Euskadi para o zarrabete.

Este ano ademais repítese unha actividade apaixoante neste ámbito. Será o curso de construción dunha zanfona conducido polo artesán Suso Gestal e o músico Ariel Ninas. A partir da filosofía DIY e dos novos xeitos de produción (corte láser e fabricación aditiva) desenvolveuse un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso para asegurar que cada participante leva para casa unha zanfona funcional e a aprendizaxe de tela feito.

E como curso paralelo teremos a Mercedes Prieto impartindo un obradoiro intensivo de Danzas do Mundo de nivel iniciación para todos os públicos.

O ZdZ continua tamén coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa quinta entrega do Cancioneiro ZdZ #5, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas aportacións dos docentes de escolas de zanfona de Galicia para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Podes descargar os catro primeiros destes cancioneiros aquí.

Os prazos para a inscrición nos cursos ZdZ deste ano, abren o día 12 de xuño.

Unha outra novidade que o festival presenta este ano é a “Lotaría ZdZ”, un sorteo no que se porá en xogo un instrumento ao que se poderá optar coa compra dun boleto para colaborar co festival e xogar un número para que toque unha zanfona. No décimo aniversario do festival xa se fixera un sorteo semellante, daquela con 300 números en xogo.

E para concluír o festival, o ZdZ será o lugar escollido para a estrea de Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella, un filme documental sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros que en Galiza volveu tocar nos palcos e nos disco nos que traballou desde os anos setenta. O filme está producido pola A.C Cántigas da Terra e está dirixido por Federico A. Rioboo

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

ZONA DA ZANFONA. RIANXO xullo 2022. Programa

Concertos

venres 8 xullo. Auditorio. 21.00h

  • Coro Cántigas da Terra (Coruña) co espectáculo “Arredor da roda”. Cos convidados Iván Abal, Gutier Álvarez, Luís “O Caruncho”, Miro Casabella e Óscar Fernández

sábado 9 xullo. Praza Rafael Dieste. 22.00

  • Pedro Viana & João Martins (Porto)
  • Francesco Giusta (Torino)

domingo 10 xullo

  • Palco Aberto ZdZ. Xuntanza de escolas de zanfona de Galiza. Praza Rafael Dieste. 12.00h
  • Lotaría ZdZ. Sorteo dunha zanfona. Praza Rafael Dieste. 13.00h
  • Estrea de Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella. Filme documental. Auditorio. 19.30 h

Cursos

no Auditorio de Rianxo

    • Iniciación. Óscar Fernández (Galiza) Venres 8. de 16 a 20h (emprestamos instrumento!)
    • Intermedio. Gorka Bravo (Euskadi) Venres 8. de 16 a 20h
    • Avanzado. Francesco Giusta (Piemonte) Sábado 9. de 10-19h
    • Construción. Suso Gestal e Ariel Ninas (Galiza) Sábado 2 e domingo 3. de 10-20h
    • Baile. Mercedes Prieto (Galiza). Sábado 9. de 16 a 20h

Info para os cursos:

Comments are closed