Este decembro vai ver o debut discográfico de Alba María, unha nova voz galega, compositora e de grande proxección no mundo musical.
Alba María é autora duns temas que parece que sempre estiveran aí, compositora das melodías e das letras deste disco, sorprende moito a madurez nunha muller tan nova. Naturalidade, xuventude e temáticas de xénero están presentes nos textos das cancións. O seu traballo seduciu aCentral Folque e a grandes músicos como os premios especial Cubadisco José Manuel Díaz e Alejandro Vargas, arranxistas do disco. Destacados músicos do panorama galego, desde o Folque (Pedro Pascual, Óscar Fernández, Gutier Álvarez) até o Jazz (Felipe Villar) participan neste CD. A música de Alba María pode gostar a xente nova, mais tamén a calquera xeración.
Alba María, a gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’, presenta o seu primeiro disco, que leva por título ‘Aínda’. Editado pola Central Folque e gravado entre o Local de Nsaio de Teo e os Estudios Gourmet Sound da Coruña, poderemos escoitar un breve adianto do mesmo o vindeiro domingo día 7 de decembro no Culturgal. A banda ao completo presentará o dito traballo o próximo 25 de xaneiro en Teo.
O pasado 5 de abril, a viguesa Alba María convertíase na gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’ na gala que puña o punto e final ao proceso iniciado en xaneiro deste ano e no que participaran 23 persoas. Entre os premios que recibiu, figuraba a gravación dun disco de oito temas, que é o que agora presenta.
Para a edición de ‘Aínda’, gravado entre o Local de Nsaio de Calo (Teo) e os Estudios Gourmet Sound da Coruña, a cantora contou coa colaboración da Central Folque, entidade que editou o disco e que puxo tamén ao dispór da súa alumna a colaboración de diferentes artistas coma Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (percusións) e outros da talla de Pedro Pascual e Óscar Fernández, entre outros.
Poderemos gozar dun adianto de ‘Aínda’ o vindeiro día 7 de decembro no Culturgal entre as 18:30 e as 19 horas e con entrada gratuíta. A artista viguesa contará cos músicos Felipe Villar (guitarra) e José Manuel Díaz (contrabaixo) neste showcase. Ademais de interepretaren uns temas do dito traballo, celebrarase tamén un encontro con Alba María e unha sinatura de discos no stand de Inquedanzas Sonoras, a entidade distribuidora do disco.
Pingback: Concerto de Alba María no Centro Social A Revolta | Assembleia Feminista Galega
Pingback: ESTOCOLMO