Alba María en decembro

Alba-Maria-grupo_007-1024x682Alba María e banda ofrecen unha serie de concertos en vilarexos da provincia da Coruña este decembro. Muxía, Pontedeume e Muros verán a presentación dos temas contidos no primeiro disco da cantante “Aínda”, editado e producido por aCentral Folque e algún tema novo. As entradas son en todos os casos de balde.

As datas son:

  • sábado 5 de decembro, 20.30 h. Muxía, Salón do Voluntariado
  • luns 7 de decembro, 20 h. Pontedeume. Casa da Cultura
  • xoves 10 de decembro, 19 h. Muros. Centro Cultural e Xuvenil

Alba María comeza os seus estudos de canto na Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, e en 2014 preséntase e gaña o I Certame de Canción de Autor organizado polo Concello de Teo. A partir de aí a súa vida artística dá un xiro xa que o premio consiste na gravación dun disco e aCentral Folque ocúpase da súa edición. Aí comeza a xestación de “Aínda”, un disco que contou cos arranxos dos artistas cubanos afincados en Galiza, Alejandro Vargas e José Manuel Díaz, produtor musical do disco. O resto da sonoridade conséguea rodeándose un afamado elenco de músicos do folque e do jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez…

Malia a súa xuventude, a madurez da súa voz e a mestría das súas composicións convirten a “Aínda” nunha forte aposta discográfica que se presentou no Culturgal 2014 con chego total e que está de xira soprendendo e gustando tanto nas presentacións en teatros e auditorios como nos concertos ao aire libre.

No directo, “Aínda” sona a cuarteto, con Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería). Un cuarteto que leva a música galega ao máis alto coa saiba máis nova que se pode atopar neste momento na escena musical galega.

Estes concertos contan coa colaboración da Deputación Provincial de Coruña e cos respectivos concellos de Muxía, Pontedeume e Muros.


 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario