Arquivos sonoros: memoria e patrimonio

O Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega organiza o seminario Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio”, que terá lugar os días 5 e 6 de febreiro de 2020, no salón de actos do Consello da Cultura Galega, ao coidado de Xosé Ramón Pousa, coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG.

O Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega obedece á sensibilidade impulsada pola UNESCO desde que en 1980 recoñeceu que os documentos audiovisuais, nos cales se inclúe o son, forman parte da herdanza da Humanidade. Responde así ao interese por salvagardar os sons naturais e artificiais que conforman a ecoesfera terrestre en Galicia e que, na maioría dos casos, se perden no mesmo momento de producirse. Os primeiros pasos para gardar o son apenas teñen cen anos, dende que a radio, a industria discográfica, os artistas sonoros e audiovisuais e mesmo os investigadores da palabra falada comezaron a facer as primeiras gravacións, na maioría dos casos desaparecidas pola falta de sensibilidade ou de medios tecnolóxicos. Coa dixitalización ábrese unha vía para a conservación dos antigos materiais producidos en soportes analóxicos e un camiño para a conservación dos novos, que facilitará a conservación de rexistros sonoros que desaparecen pola evolución fisiolóxica das persoas, o cambio climático ou se extinguen pola evolución tecnolóxica e a desaparición de rutinas produtivas artesanais.

O Seminario sobre Memoria e Patrimonio que presentamos está dirixido a persoal do ámbito arquivístico, comunicativo, investigador, historiador e persoas en xeral interesadas no estudo e conservación sobre o patrimonio sonoro. Con el preténdese concienciar sobre o valor identitario do son e afondar nas técnicas de dixitalización que permitan a súa conservación para o futuro da man de recoñecidas especialistas con longa experiencia na preservación do son, na radio como fonte documental sonora, o son como creador de identidade, a análise acústica perceptiva e afectiva das paisaxes sonoras e os mapas sonoros como recurso colaborativo para a identificación acústica dun país.

Para isto contaremos coa presenza de profesionais de recoñecida traxectoria como Miquel Termens Graells, Ángeles Afuera, Íñigo Sánchez, Xosé Ramón Pousa, Javier Suárez Quirós, Xabier Erkicia, Manuel Gago e Paulo Marques.

A inscrición é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala (100 persoas).

Aquí podes facer a túa INSCRICIÓN e consultar os horarios no PROGRAMA  en pdf.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario