Este venres 5 de maio dentro da programación Off Galicia que reserva o Centro Galego de Artes da Imaxe para exhibir traballos feitos no país, as producións audiovisuais d’aCentral Folque poderán ser vistas na súa sede da rúa Durán Loriga. Sons do Mercado de Marcos Nine con música orixinal de Alejandro Vargas e Vikingland de Ulobit, son as pezas que o público en Coruña poderá desfrutar esta semana.
A partir das 20.30 h e con entrada de balde. As proxeccións contarán coa presenza dos autores e unha breve parola con eles a continuación do visualizado dos filmes.
Sons do Mercado é un filme documental dirixido por Marcos Nine con música orixinal de Alejandro Vargas comisionado por aCentral Folque dentro do programa Efecto Proximidade para o concello de Santiago, encarga desenvolvida arredor dos mercado e feiras da cidade para pór en valor e dinamizar este espazo social e económico de encontro veciñal e venda. “Sons do mercado” é unha ollada deste realizador sobre o mercado de Salgueiriños que cada xoves monta neste barrio compostelán.
Vikingland parte do material gravado en formato caseiro Hi8 nos anos 90 por “O Haia”, un mariñeiro galego que traballaba a bordo do Vikingland, barco que facía a rota regular no Mar do Norte entre as cidades de Romo (Dinamarca) e a illa de Sylt (Alemaña) transportando mercadorías.
O realizador Xurxo Chirro atoupou estas fitas e fixo unha película no 2011. Agora Ulobit toma parte dese material bruto para darlle un novo significado a través da música e a transformación das imaxes orixinais.