Comezamos unha breve descripción dos mestres que van impartir aulas este ano na Escola Livre da MPG, un elenco de músicos que levan transitando os vieiros da música popular nos palcos deste país, recuncho de Europa, que garda coma un tesouro as súas tradicións e dá paso a unha modernidade que aCentral Folque contribúe a evoluir e promover.
A aula de acordeón diatónico foi impartida en Galiza por primeira vez na escola que o proxecto Folque tiña en Lalín (o CMTF) baixo a mestría de Pedro Pascual, titular da especialidade desde o 2000 até o curso 2013/2014. Desta aula sairon decenas de músicos, algúns son hoxe mestres que agora ensinan noutras escola coma Carlos Quintá (titular da e-Trad de Vigo) ou Joam Pedro Branco.
Para este curso 2014/2015 temos o honor de contar cun grande músico como é Brais Maceiras, ben coñecido por acompañar á gaiteira Susana Seivane pero xa desde os anos 90 primeiro por destacado gaiteiro e despois por ser un dos primeiros en tocar en palco ese infrecuente instrumento que foi a finais do século XX o diatónico, sendo parte da nova xeración de acordeonistas.
O seu estilo é directo e con forza e o seu repertorio adicado ás músicas de baile das que o acordeón -primeiro diatónico e despois cromático- foi o auténtico rei e protagonista desde finais do século XIX e responsável da introdución de ritmos poulares que enriqueceron a música popular en Galicia nos salóns de baile: fox-trot, mazurcas, chotes, valses,… non se entenderían na nosa música sen o swing que o diatónico aportou á nosa consciencia sonora.
Breve biografía de Brais Maceiras
Natural da Coruña aos 11 anos comezou a toca-la gaita na Escola de Os Rexumeiros, en Castro de Elviña. Un talento natural pola música tradicional levou a participar en varios concursos e con 15 anos xa era finalista do Trofeo Constantino Bellón de Ferrol e do Trofeo McAllan de Lorient, na Bretaña.
Aos 17 anos comeza co acordeón diatónico por influencia do seu mestre de gaita na altura Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, de quen aprendeu as primeiras nocións. Continuou facendo varios cursiños con grandes acordeonistas como Pedro Pascual, Xuan Nel Expósito, Joseba Tapia ou Bruno Letron, intentando sempre adaptar o repertorio musical galego ao instrumento.
En 1998 e despois dunha experiencia conxunta nun grupo chamado Vaite Embora, grava o primeiro disco con Susana Seivane, banda da que segue a ser acordeonista na actualidade.
Coma docente comeza en 1993, labor practicamente ininterrumpida todos estes anos e que fan de Brais un grande coñecedor da música galega e os seus camiños sonoros e etnomusicolóxicos.