CÁMARA ESCURA

I Festival de fotografía e literatura

Os días 6, 7, 8 e 9 de outubro terá lugar CÁMARA ESCURA – Festival de fotografía e literatura. O Festival, que recibe o seu nome da liña editorial de libros de fotografía e textos literarios de aCentral Folque, ten como protagonista a figura do fotógrafo holandés Ton van Vliet (Terborg, Países Baixos, 1956).

CÁMARA ESCURA – Festival de fotografía e literatura desenvolve o seu programa en tres localidades: Santiago de Compostela (lugar de apertura do festival), Agolada (localidade onde se centrou principalmente o traballo de Ton van Vliet en Galicia) e Mondoñedo, que acolle o groso das actividades.

O xoves día 6 de outubro ás 20 h preséntase no Auditorio de Galicia, na Sala Mozart, libro sobre a obra fotográfica en Galicia de Ton van Vliet con texto de Luisa Castro, escritora e directora do Instituto Cervantes de Dublín. Na presentación Ton van Vliet estará acompañado do fotógrafo compostelano Eutropio Rodríguez, responsable da edición fotográfica do libro. 

Ao día seguinte, 7 de outubro ás 20 h, Mondoñedo acolle a estrea da obra MARUJA ROCA FOUNDATION, no Auditorio Municipal Pascual Veiga. Unha combinación de poesía, narración e música apoiada no legado fotográfico de Maruja Roca. Na escena Nieves Neira (poesía escénica), Eutropio Rodríguez (narracións) e a música de Pablo Sanmamed (composición e contrabaixo), Helena Sousa (acordeón), Mariajo Pampano (violín) e Iago Mourinho (piano). A dirección escénica do espectáculo é de Cristina Domínguez e os elementos escénicos son creación do escenógrafo Carlos Alonso; a proxección, o deseño de luz e son corren a cargo de Goyplason.

O sábado 8, de 11-14 h, na Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, desenvólvense os obradoiros da escritora Alba CidDa fotografía á literatura” e do fotógrafo Eutropio Rodríguez “Fotografía documental”. Para participar será necesario inscribirse no mail reservas@folque.com. Pola tarde, a actividade do festival desdóbrase entre Mondoñedo e Agolada. Ás 20 h no Auditorio Municipal Pascual Veiga dá comezo o diálogo literario da poeta Chus Pato coa obra fotográfica de Gustav Henningsen e a intervención de Eutropio Rodríguez. Simultaneamente, na Parrillada Agolada (Agolada), preséntase tamén ás 20h o volume citado, O pálpito interior, da man de Ton van Vliet e Luisa Castro.

A xornada do día 9 de outubro fecha o festival en Mondoñedo coa presenza de Ton van Vliet, Luisa Castro e Eutropio Rodríguez, que presentan ás 18 h no Auditorio Municipal Pascual Veiga O pálpito interior, obra coral composta a tres mans polos participantes da mesa.

CÁMARA ESCURA – Festival de fotografía e literatura é unha iniciativa producida por aCentral Folque co apoio do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia e a colaboración dos concellos de Mondoñedo e Santiago de Compostela.

#OTeuXacobeo #Xacobeo21-22

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Donde y cuando se podrá adquirir el libro? Muchísimas gracias Susana

Deixa un comentario