Chané na Habana en Redondela

Este sábado vaise presentar o disco “Chané na Habana” en Redondela ás 21 horas con entrada de balde até completar aforo. Será un concerto en formato de cuarteto sobre as músicas reinterpretadas do compositor José Castro “Chané” en clave de jazz cubano para presentar o disco que se lanzou este outono nun proxecto especial argallado por aCentral Folque para conmemorar o centenario da morte do xenial músico.

Este concerto do Alejandro Vargas Trio coa cantante Rosa Cedrón fará un repaso dos 12 temas do disco de “Chané na Habana”, gravado a finais de xullo no Auditorio de Galicia. Arranxos actuais sobre o repertorio recuperado de Chané, unha das figuras do rexurdimento musical galego a finais do século XIX e que morreu na Habana no 1917.

O elenco artístico:

  • Alejandro Vargas: piano e arranxos
  • José Manuel Díaz: contrabaixo e arranxos
  • L.A.R. Legido: batería
  • Rosa Cedrón: voz

“Chané na Habana” é o novo espectáculo musical d’aCentral Folque que xunta a un grupo de artistas do mundo do jazz, a clásica e o folk, reunidos especialmente para reinterpretar o repertorio de José Castro “Chané” no centenario do seu pasamento. Alejandro Vargas Consort & Camerata Egeria coa cantante Rosa Cedrón súbense ao palco para tocar, cantar e gravar as cancións do xenial compositor galego.

Co obxectivo de ofrecer unha visión nova e desprexuiciada do clásico galego abórdase a súa obra dunha forma inédita: desde o sentir musical cubano. Chané viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana, onde morreu. Hoxe, cen anos despois da súa morte, son unha selección de extraordinarios músicos liderados polos cubanos Alejandro Vargas e José Manuel Díaz os que abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo con unha nova vitalidade ao maxín popular galego.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario