O vindeiro mércores 25 de setembro a Escola de Música d’aCentral Folque inaugura un novo curso co Concerto de Outono que terá lugar ás 20.30 h con entrada libre na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Alumnado e mestres da EMaCF ofrecerán un recital variado coa representatividade de cada aula que se imparte na Escola. Zanfonas, violinos, cantos, regueifas, bailes, percusións de man, gaitas e algunha sorpresa que se poderá escoitar e ver este día e en acústico na sala pequena do Auditorio, unha das sedes onde se desenvolve a actividade docente da escola.
Haberá un divertido sorteo de libros e discos para as persoas asistentes ao concerto.
aCentral Folque leva dezanove anos aprendendo música ao redor das formas patrimoniais galegas desde que abriu as súas portas no curso 2000-01, daquela o chamado Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, vila onde se mantivo até o ano 2008 cando trasladou a súa sede até Santiago de Compostela. Nun tempo onde o ensino da música galega estaba restrinxido ao ámbito local dos grupos folclóricos e ao tecido asociativo, esta Escola supuxo un foco de atención a músicos de toda Galicia que podían atender a aulas individuais de especialidades pouco frecuentes como a sanfona ou o acordeón diatónico. Vinte anos despois e cunha rede moi extensa de lugares e iniciativas semellantes onde aprender música galega por todo o país, aCentral Folque continua a ser referencia docente con características propias como aulas individuais de instrumento ou o único Curso Maxistral sobre a música patrimonial galega.
A escola de aCentral Folque é un centro de ensino dinámico no que prima a calidade da relación entre mestre e alunado. A súa metodoloxía baseáse na transmisión do legado da música popular galega e no acompañamento d@ alumn@ na búsqueda da súa propia voz dentro da escena contemporánea. Para isto, a escola é coñecida por contar cun equipo de profesores excepcional formado por algunhas das figuras máis relevantes da escena musical galega. Mestres coma Óscar Fernández, Sergio Cobos, Paulina Ceremuzynska, Sergio de la Ossa, Roberto Sala ou María G. Blanco forman parte do profesorado regular das aulas mais outros músicos son convidados regularmente a impartir aulas maxistrais nos Monográficos que se celebran puntualmente ao longo de todo o ano en especialidades tan diversas coma Birimbao, Canto e pandeireta, Canto en grupo, frauta irlandesa, sanfona para crianzas,…
A historia d’aCentral Folque é unha historia de loita pola divulgación da música popular galega e pola mellora da súa situación no contexto contemporáneo.
Os apoios de institucións públicas que axudan a manter esta iniciativa son do Concello de Santiago de Compostela principalmente e da Deputación de A Coruña. Departamento de Cultura.
A seguir co ese nivel!!