Concerto final de Acrobata

Ugia&Fred

O Auditorio da Illa de Arousa, acolle este venres 9 de maio ás 21h o concerto de fin de xira de Acrobata, o dúo de Fred Martins e Ugia Pedreira do que saiu un disco homónimo e enriquecedor, sabor oceánico de ambas as dúas beiras do Atlántico, MPB (Música Popular Brasileira) + MPG (Música Popular Galega) a doses iguais.

Este dúo é o resultado dunha conxunción artística natural xermolada tras o encontro entre os dous artistas en Rio de Janeiro. Nesta viaxe, que podemos chamar de ida e volta, a percepción de que a tradición musical ibérica, fundamentalmente galego-portuguesa, ten moito que ver coa tradición nordestina do Brasil, mesmo coa tradición nordestina galega. Forom moitos os motivos para afondar nese entendemento compositivo entre ambos.

Isto amósase no disco que gravaron xuntos: ACROBATA. Un disco de autor con composicións orixinais. Unha obra que mira cara dentro e se identifica co sinxelo, o íntimo e o reducido mostrando sen demostrar. Un traballo que navega entre os dous extremos que delimitan a sensibilidade e a forza.
Acrobata, chegou na primavera de 2011 e vaise embora nesta primavera de 2014 cunha serie de concertos que rematan este venres 9 ás 9 da noite no Auditorio da Illa de Aousa, lugar no que aniñou esta ave musical durante os primeiros anos e no que gravaron o seu videoclip a emporter.

As entradas (8 euros) xa están á venda no Con do Moucho e no Auditorio da Illa.

LIGAZÓNS:

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario