Como actividades máis abertas dentro do XII Encontro Internacional Zona da Zanfona de Rianxo 2016 aCentral Folque organiza os concertos na praza Rafael Dieste. Serán dúas xornadas de música ao vivo onde a zanfona e o baile participativo é o protagonista. A entrada é de balde e a vertente lúdica, garantida.
O venres 29 de xullo Os Cempés ofrecerán o seu exitoso Baile 100%, un repaso polos mellores bailábeis da veterana banda liderada por Óscar Cempés (zanfona), Antón Varela (gaita) e Roberto Grandal (acordeón) coa guia inestimável de Serxio Ces que ensinará os baile de moda, galegos e europeos para que participe todo o público.
O concerto/baile será a partires das 22.30 mais haberá un obradoiro express previo a partir das 21.30 h sobre algúns bailes que se farán a seguir no concerto.
O sábado 30 de xullo será a oportunidade de ver a un dos grandes intérpretes e compositores galegos actuais ofrecendo un breve recital a solo para zanfona. Anxo Pintos abrirá ás 22.30 h a sesión do sábado na praza Rafael Dieste.
Para pechar a noite, o palco ocuparano un novo trio natural do Morrazo con tres veteráns da escena folc galega. Obal está formado por Iván Costa (zanfona), Jaime Rebollo (zanfona e nyckelharpa) e Diego Langarika (sustituído para ocasión por Samuel Soto, bouzouki). O baile estará guiado por Suso Cancelas.