O Congreso A HABANA GALEGA: HISTORIA E MEMORIAS CRUZADAS, terá lugar os días 7 e 8 de novembro de 2019 no salón de actos do Consello da Cultura Galega, organizado polo Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Xosé M. Núñez Seixas e María Xosé Porteiro García. aCentral Folque levará a música a este evento cun programa especial: “Foliada Habaneira” dirixido polo pianista cubano Alejandro Vargas acompañado do seu trio (o cubano José Manuel Díaz e o baterista castelán L.A.R. Legido) coa cantante galega Rosa Cedrón sobre un repertorio de compositores galegos en relación á illa caribeña. Será o xoves 7 de novembro na sala Mozart do Auditorio de Galicia ás 21 h
A cidade da Habana, cuxo quinto centenario se cumpre en novembro deste ano 2019, posúe unha relevancia sobranceira na historia de Galicia, nomeadamente dende o século XIX, por se converter entre as últimas décadas desa centuria e os comezos do século XX na segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires: contra 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por cento dos habaneiros nacera en Galicia. A comunidade inmigrante galega na Habana concentrábase sobre todo nas súas rúas céntricas e en barrios pesqueiros periféricos.
Na capital cubana existía tamén un mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoaran ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo. Dende alí sostívose a Academia Galega dende o seu nacemento, así como ducias de escolas, sociedades agrarias e periódicos anticaciquís de ámbito local, ademais de forxárense ou estreárense símbolos da Galicia contemporánea coma o himno galego.
Contaremos coa participación de Vicent Sanz, Sergio Guerra, José C. Moya, Ramón Nicolás, Xerardo Agrafoxo, Xavier Alcalá, Rosa Aneiros, María Xosé Porteiro, Alfonso Iglesias, Pilar Cagiao Vila, Julio César González Pagés, Xosé M. Núñez Seixas, Raúl Soutelo, Cira Romero, Manuel González e Luis Toledo Sande.
Aquí podes facer a túa INSCRICIÓN e consultar os horarios no PROGRAMA en pdf.
A inscrición é libre e gratuíta até completar a capacidade da sala (100 persoas).