Ofrecemos un Monográfico de Introdución á Análise de cancións tradicionais en dous módulos complementarios da man dun dos meirandes expertos na materia en Galicia, o etnomusicólogo e pedagogo Sergio de la Ossa. Serán 16 horas (8 horas cada módulo) de achegamento á canción tradicional, galega e doutras culturas para aprendermos os segredos e sintaxes destas músicas. Contidos que respostan a preguntas coma estas: as variantes dunha mesma melodía e como varían ou improvisan os músicos tradicionais? a importancia do ámbito para datar a antigüidade dunha melodía? a relación entre música e texto e as distintas formas estróficas postas en música? a métrica do verso dunha canción galega e en que se distingue da do verso dunha canción inglesa? a entoación non temperada, a heterofonía e outras características habitualmente descoidadas no revival da música tradicional?
As prazas son limitadas para garantir un ótimo desenvolvemento do curso.
- Data: sábados 14 e 21 de abril
- Horas: 10 a 14 / 16 a 20 h
- Lugar: Auditorio de Galicia. Compostela
- Prezo: 80 € (completo) / 45 € (por módulo)
- Inscricións en matricula@folque.com
https://analisemusical.wordpress.com/
Contidos
O sistema de análise comprende os seguintes puntos:
—Aspectos básicos da notación e edición da partitura
—Conxunto de notas, ámbito, escala
—Compás, ritmo
—Cadencias, contorno melódico, forma
—Métrica poética, número de sílabas, forma e edición do texto
—Función, ocasión, xénero; outros datos
Como introdución á análise propiamente dita, falaremos de características xerais da música tradicional galega, en especial da canción, e da música de tradición oral en xeral.
Prestaremos especial atención á relación entre música e texto e ás distintas formas estróficas postas en música.
Examinaremos tamén distintas variantes dunha mesma melodía, como exemplificación da capacidade creativa dos intérpretes e dos procesos musicais implícitos.
Ofreceranse exemplos de distintas tradicións para abranguer o maior número posible de elementos e formas musicais e comprender e contextualizar mellor o folclore propio.
O traballo con partituras (que cantamos antes de analizalas) será ademais acompañado de audicións musicais.
Obxectivos
—Comprender as estruturas musicais das que se compón a canción tradicional.
—Coñecer algúns dos criterios máis empregados na descrición de repertorios musicais.
—Obter os coñecementos básicos cos que acometer a descrición e clasificación iniciais da música tradicional.
—Obter unha comprensión máis profunda dos procesos creativos inherentes á interpretación tradicional (a través do estudo dun caso de variación)
Sergio de la Ossa
Etnomusicólogo, encargado desde 2007 dos arquivos de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal). É mestre especialista en Educación Musical (USC, 1999) e no método Kodály (2010); ensinou música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, Hungría) entre 2011 e 2015. Ofrece regularmente cursos e conferencias, entre os que destaca a única de temática galega no WOMEX 2014. Participou en publicacións do eido da música tradicional, como Así fan os bailadores… (Dos Acordes, 2009); Repente Galego (Deputación de Pontevedra, 2016) de Ramon Almuinha; e Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCentral Folque, 2017, con Xavier Groba). Actualmente imparte aulas de teoría no Curso Maxistral da Central Folque. Publica sobre cuestións relacionadas coa análise de música tradicional no blogue www.analisemusical.wordpress.com.