O centro de ensino regular de aCentral Folque (Escola de Música Popular e Avanzada) oferta un curso de gaita con Óscar Ibáñez en Santiago de Compostela os vindeiros sábados 20 e 27 de abril baixo o título Técnicas e repertorios da gaita “anterga” con mostras e prácitcas sobre o xeito de tocar dos gaiteiros Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo, Xoán Tilve e Ricardo Portela.
Detalles:
- Duración: 6 horas
- Prezo: 45 €
- Datas: sábados 20 e 27 de maio
- Lugar: CSC A Trisca (Corredoira das Fraguas 92, San Pedro, Santiago DC)
- Horario: 16 a 19 h
- Nivel: para músicos iniciados. Prazas limitadas. Aulas colectivas en grupo reducido
- Inscrición e info: matricula@folque.com
Curso: Técnicas e repertorios da gaita “anterga”
Curso sobre os xeitos e repertorios conservados da gaita galega no século XIX e transmitido aos nosos días, especialmente no toque pechado dos gaiteiros da zona de Pontevedra, Manuel Villanueva, Xoán Tilve e Ricardo Portela. A aula consiste nun especializado aprendizaxe en repertorio e técnicas antigas da gaita galega abranguendo todos as aspectos na aprendizaxe do instrumento: organoloxía, tempero, afinación, notación, ornamentación, dixitación pechada, repertorio histórico…
Biografía
OSCAR IBÁÑEZ é un gaiteiro e frautista fascinante que realiza unha fusión musical sen límites partindo das raíces, a medio camiño entre investigación e creación, que ten como resultado un novo e único son.
Os seus comenzos tiveron lugar en distintos grupos de música tradicional cos que percorreu toda Europa, a docencia en máis de 15 países de América e Europa a través da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e na súa participación nos concursos de gaita galega de maior prestixio, nos que acadou máis de 40 premios tanto en dixitación aberta como pechada.
É Mestre en Educación Musical (UVIGO), Especialista Universitario en Música Tradicional Galega (USC), Especialista Universitario en Arquivística (UNED), Máster en Xestión da Documentación Musical (UAM), Título Profesional de Música na especialidade de gaita (Conservatorio das Artes Mayeusis) e cursou estudos oficiais de frauta de bico (Conservatorio Profesional de Música da Estrada).
Como músico e produtor aparece en numerosos traballos discográficos dos que destacan o seu primeiro traballo en solitario “Alén do mar” (VIR, 2012) e o recentemente publicado “Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela – 25 Aniversario Pasamento” (Inquedanzas Sonoras, 2017). Tamén publicou os libros-CD “Os Montes de Lugo” (Ouvirmos, 2006), “O Quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical” (Dos Acordes, 2009) e “Xoán Tilve Gaiteiro de Campañó. Gravacións históricas de X. Filgueira Valverde” (aCentral Folque, 2015), este último co musicólogo Xavier Groba. En 2015 colaborou na curta “A última moeda” (Piruleta Vermella) de Fina Casalderrey.
Dende 1993 imparte clases de gaita, frauta de bico/whistle e percusión tradicional en distintas escolas e asociacións e dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. É o creador e organizador do “Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste”, “MUSGAFOL” e “JUELLES: Encuentro de Gaitas Europeas” ; en 2010 organizou os concertos dos “JUEGOS NÁUTICOS ATLÁNTICOS CANTABRIA 2010”.
Coa súa banda de directo OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO, formada por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, levou a súa música por toda la península, Bretaña e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), Festival Capodanno Céltico (Milán), Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Festival Intercéltico do Morrazo, Festival de la Luz, Festival Folk de Guísamo, Festival Folk As Pontes (Galicia), Festival Internacional Celta Reino de León (León), Festival Folk Canarias (Gran Canaria), Festival Sauga Folk (Cantabria) ou o Festival Intercéltico d’Occidente (Asturias), entre outros.
Colaborou en diferentes proxectos con gaiteiros galegos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo e cos internacionais Patrick Molard, Diarmaid Moynihan ou Ventzislav Andonov.
About Folque
aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe