Comeza o curso de transcrición e análise de canción tradicional que imparte Sergio de la Ossa na Escola Livre da MPG, unha oferta pedagóxica plantexada coma un seminario sobre o xeito de transcribir melodías do cantigueiro galego e a súa análise musicolóxica.
Unha parte do material de traballo provirá dos fondos do APOI (www.apoi-mpg.org), co obxectivo de publicar finalmente na súa web, unha vez revisadas e editadas, as partituras que se elaboren no seminario de transcrición.
Detalles:
+Duración: de 30 horas (24 h presenciais, 6 online)
+Datas: NOVEMBRO 15, 22, 29 / DECEMBRO: 6, 13, 20
+Horas: de 10 a 14 h cada sesión
+Lugar: CSC Trisca
+Prezo: 200 €
+Contidos:
- Introdución á transcrición de música vocal tradicional do repertorio galego.
- Presentación e estudo de diferentes tipos de transcricións (principalmente prescritiva e descritiva), facendo especial fincapé na transcrición medianamente detallada que caracteriza a práctica actual húngara.
- Práctica individual de transcrición de pezas de distintos xéneros. Corrección, posta en común e debate sobre os resultados, solucións particulares a casos de cantigas especiais.
- Ornamentación e variación.
- Ferramentas de análise baseadas na tradición etnomusicolóxica húngara, adaptadas á tradición galega.
- Estudo e análise de pezas galegas e de cancións doutras culturas que presenten riscos semellantes aos das cantigas galegas, ou outros complementarios e descoñecidos que axuden a poñela en contexto.
- Tipos de versificación e métrica poética.
+Obxectivos:
- Adquirir os coñecementos e desenrolar as capacidades básicas para encarar o tratamento profesional do estudo e a divulgación da música vocal da tradición galega.
- Por extensión, obter un coñecemento xeral de estruturas musicais presentes en culturas variadas.
+Material necesario:
- Software: Transcribe! (by seventhstring). Prezo aproximado 29€, actualizacións gratuítas.
- Solicitarase o envío do material transcrito por correo electrónico, co cal deberase poder escanear ou fotografar a transcrición feita a man ou enviar en formato pdf ou jpg/tif a edición informática da mesma (con Finale, Sibelius, eMuse ou outros programas)
+Matrícula:
podes facer a prematrícula online nesta ligazón: https://www.folque.com/01.140415wp/ensino/escola-livre-mpg/matricula/ ou escribir un mail directamente a matricula@folque.com
SERGIO DE LA OSSA
É mestre de Educación Musical pola USC. Trasládase despois a Hungría para completar a súa formación entre 2001 e 2004 (obtendo o novo Grao de Especialista en Pedagoxía Musical Kodály no 2010). Desde 2011 imparte a materia de ‘Folk Music’ no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét). Recibe leccións e consellos sobre transcrición e catalogación de músicas tradicionais de parte das etnomusicólogas Mária Domokos e Olga Szalay, do Instituto de Musicoloxía (ZTI) da Academia Húngara das Ciencias, Budapest. Traballa desde 2007 na transcrición, edición e arquivo do material musical pertencente ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego (www.apoi-mpg.org). Exerceu como mestre de solfexo, guitarra clásica e harmonía na Escola das Artes (Brión) e na Escola de Música Berenguela (Compostela), e tamén ofreceu cursos e conferencias sobre música tradicional, baile, xogos e a adaptación do Método Kodály á realidade galega. Ampliou o seu interese ao mundo do baile tradicional e á notación do movemento, eido no que destaca a súa participación como co-autor do libro de baile tradicional galego “Así fan os bailadores” (Dos Acordes, 2009).