A Escola de Música Popular e Avanzada que dirixe aCentral Folque oferta por segundo ano un proxecto docente único na Galiza: o Curso Maxistral, un curso organizado en dous anos para afondar nos aspectos máis interesantes da música popular galega. Durante 30 semanas e 120 horas lectivas teóricas e prácticas sobre historia, análise e etnomusicoloxía, repertorio, arranxos e harmonía con máis de 20 docentes que impartirán estas materias troncais e outros seminarios específicos ao longo do ano académico.
Contamos co magnífico edificio do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela (Burgo das Nacións) onde facer tanto as aulas teóricas como prácticas onde se disporá puntualmente da sala de concertos Mozart.
Eis algunhas liñas mestras para este Curso:
Quen impartirá aulas?
A filosofía da EMPA é ofrecer visións diferentes da man das profesionais en activo que levan investigado, practicado e promovido coñecementos ao redor da música desde distintos puntos de vista: teoría, traballo de campo, vangarda, práctica instrumental, excelencia, solvencia na transmisión de coñecementos e pedagoxía,… O obxectivo é ofrecer ao alunado unha variada visión ao redor da música popular contemporánea centrada na música de raíz tendo a posibilidade de coñecer directamente da man das persoas que levan investigado en candanseu ámbito.
A EMPA pivota ao redor de catro eixos, dirixidos polos seus respectivos coordinadores:
- Música trad folque e repertorio: Pablo Pérez Sanmamed
- Música popular urbana e harmonía moderna: Alejandro Vargas
- Músicas contemporáneas e experimentais: Javier María Álvarez
- Formas, etnomusicoloxía e análise: Sergio de la Ossa
A estes mestres permanentes, súmase un feixe de especialistas que impartirán seminarios exclusivos en distintas áreas: Dorothé Schubart, Rosalía Rodríguez Vázquez, Ugia Pedreira, Paulina Ceremuzynska, José Manuel Díaz, Olga Kirk, David Bellas, Paulo p., José Luís do Pico Orjais, Nacho Muñoz, Óscar Ibáñez, Carlos Freire, Pablo Pérez, Fernando Abreu, Carme Iglesias, Maisa Lago, Alba María, Xavier Groba, Tomás Ageitos…
Para quen é o Curso Maxistral?
Este curso profesional está orientado a calquera persoa iniciada na música con formación noutras escolas, conservatorios ou ben autodidactas, con perfiles creativos, ou interpretativos que poidan asumir retos profesionais a escala local ou internacional, así como axudalos á súa incorporación ao mundo profesional da música.
Como podo acceder ao Curso Maxistral da EMPA?
Formalizando a matrícula nun proceso online. Debes cumplimentar a folla de preinscrición onde indicar os teus coñecementos e formación previa en música así coma as motivacións persoais para asistir a este curso. Unha vez recibida a conformidade de admisión e sempre dependendo das prazas disponíbeis (máximo 10 persoas en cada un dos dous grupos), deberás abonar o prezo da matrícula nun so pagamento por transferencia bancaria.
Para acceder a este curso as interesadas deberán acreditar una formación e/ou experiencia musical mínima que certifique a capacidade para a realización deste ciclo de estudos. O ingreso neste curso estará suxeito a unha valoración positiva da aluna por parte do claustro permanente constituído polos directores dos catro departamentos na que se teste a capacidade da candidata para a realización deste ciclo de estudos.
Cada candidata deberá entregar, alén do currículo detallado, unha exposición escrita de intencións que inclúa as súas motivacións e intereses particulares para ingresar no programa. Poden ser anexados materiais que se xulguen útiles para unha xusta apreciación da candidatura. O director de departamento, dependendo do número de solicitudes poderá requirir, ademais, unha audición e/ou unha entrevista.
Criterios de exclusión: ausencia de coñecementos básicos na materia ou intereses irrelevantes na área.
O prezo do curso de formación profesional da EMPA ten un custo de 300€/ano no primeiro curso e de 220 € no segundo