Avance cursos Análise Musical 2022-23

Sergio de la Ossa, mestre da Escola Folque e colaborador habitual nas publicacións editoriais da colección Chave Mestra como investigador, musicólogo e asesor, vai impartir o habitual curso presencial de Análise Musical de Cancións Tradicionais e complementalo con dúas novas ofertas ao longo do ano académico 22-23 para a Escola de Música d’aCentral Folque. As aulas serán de outubro até maio no Auditorio de Galicia en Santiago.

Aprenderás escoitando gravacións orixinais, cantando desde partitura e aplicando os coñecementos paso a paso, de xeito progresivo e práctico. Os cursos serán: un obradoiro preliminar de lectura cantada do repertorio, de 6 horas (en tres sesións); o curso principal, de 52 horas totais (en trece sesións de 4 horas cada unha), co que poderás preparar a proba de análise das oposicións a mestres de música; e un curso complementario de 12 horas (en tres sesións de 4 horas cada unha).

Resumo dos contidos dos cursos

Obradoiro Previo: (6 horas, 3 sábados á mañá. Outono)

  • Obradoiro de lectura cantada do repertorio que se tratará no Curso Principal.
  • Práctica, consellos de lectura, ferramentas do solfexo relativo.
  • Dirixido a persoas matriculadas no curso principal de análise que teñan dificultades coa lectura cantada de partituras.

Curso Principal: (52 horas, 13 sábados á mañá. Outono-Primavera)

  • Curso especializado con aspectos teóricos e prácticos.
  • Contidos versarán sobre métrica poética, versificación; compás e ritmo; escalas, ámbito; forma musical, formas estróficas; xéneros.
  • Dirixido a persoas iniciadas que queiran entender o funcionamento formal das músicas tradicionais; a músicos con intención de coñecer o patrimonio oral galego; a persoas que preparen as oposicións a Música.

*Podes ter información extendida de contidos no calendario do curso pasado: Analise_Sesions_22

Curso Complementario: (12 horas, 3 sábados á tarde. Primavera).

  • Outros aspectos da cántiga tradicional: variación melódica e formal; afinación non temperada; heterofonía; ordenación e clasificación.
  • Dirixido a asistentes ao curso principal; a alumnado de anos pasados e a calquera persoa interesada nos procesos e nas características cambiantes da música de tradición oral, e en aspectos xerais e amplos dos repertorios.

Breve biografía de Sergio de la Ossa

Sergio de la Ossa (Madrid, 1978) é etnomusicólogo, mestre especialista en pedagoxía musical Kodály e guitarrista.

Entre 2007 e 2018 estivo a cargo do arquivo de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal,) e foi mestre de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, 2011-2015; 2020).

Como autor, asina A Basic Guide to Folksong Analysis (Budapest: Liszt Academy of Music, 2019) e colabora en publicacións como Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983) (aCentral Folque, 2019; con J.L. Forneiro) ou Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCF, 2017; con Xavier Groba), entre outros títulos.

Mantén o blogue sobre música tradicional www.analisemusical.wordpress.com, visita indispensábel para todas as persoas que queiran coñecer máis e mellor o patrimonio musical de tradición oral.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario