Curso(s) de canto e percusión n’aCentral Folque

O centro de ensino regular de aCentral Folque (Escola de Música Popular e Avanzada) oferta un curso de canto acompañado de percusión con tres mestres de longa traxectoria nos palcos e no ensino das tradicións de transmisión oral. Os cursos son complementarios en contidos mais pódense tomar por separado. Felisa Segade, Quique Peón e Olga Kirk estarán en Santiago de Compostela entre abril e xuño para ofrecer tres visións diferentes para estas aulas colectivas.

Detalles:

  • Duración: 6 horas (cada curso)
  • Prezo: 120 € todo o curso (45 € cada curso por separado)
  • Datas: Felisa Segade (1 de abril); Quique Peón (22 de abril, 6 e 20 maio); Olga Kirk (10 e 17 de xuño)
  • Lugar: CSC A Trisca (Corredoira das Fraguas, San Pedro, Santiago DC)
  • Horario: FElisa Segade (10-14 h e 16-18h); Quique Peón (18 a 20 h); Olga Kirk (17 a 20 h)
  • Nivel: para músicos iniciados. Prazas limitadas. Aulas colectivas en grupo reducido
  • Inscrición e info: matricula@folque.com

Mestres:

Felisa Segade _Canto e pandeireta

Dende moi nova Felisa Segade desenvolve unha incesante actividade como mestra de baile, pandeireta e canto tradicional galego para diferentes Asociacións, Institucións e Festivais tanto a nivel nacional, como internacional (Alemaña, Suiza, Portugal, Bélxica..). Como pandereteira da Agrupación Folclórica Cantigas e agarimos participa en 1986 no traballo discográfico do grupo Milladoiro “Galicia no pais das Maravillas”, o cal marcou, sen lugar a dúbidas un antes e un despois no lugar que ocupaban as pandereteiras na nosa música. No ano 1989, nace Leilía (grupo de música tradicional) do que é cofundadora e co cal ten publicados cinco traballos discográficos propios e colaborado en outros moitos con artistas da talla de Milladoiro, Bleizi Ruthz, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, José Nieto, Emilio Cao, Socorro Lira, Guadi Galego…etc. Xa na súa faceta de productora artística ten realizado os seguintes traballos discograficos: “Esta noite hai un serán”,”Brincadeira”,”Se non fora por quen baila”,”Arreixeira” e “A Subela”. Actualmente reparte a súa actividade artística ente o grupo Leilía e o trío “Tres Pesos”

 

Quique Peón _Canto e pandeireta

A prolífica traxectoria de Henrique Peón fan del unhas das figuras máis relevantes na danza e canto tradicional galegos. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso traballo de campo con centos de melodías e danzas que recuperou. Profesor de baile e música tradicional galega, en destacadas agrupacións do país como o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. Na actualidade, Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no ámbito tradicional coas súas inquietudes interpretativas e as novas experiencias na danza contemporánea e no folque. No 2014 presentou a versión discográfica en clave contemporánea de Radio Cos, un proxecto en dupla con Xurxo Fernández que presentou en formación de quinteto este ano.

Olga Kirk _Canto e pandeireta

Comeza a súa andaina musical aos once anos cando ingresa nun grupo de pandereteiras. Dende o principio entusiasmouse coa música tradicional, tanto coa súa interpretación como co seu estudio, e por iso dende os 17 anos dedicouse a facer investigación etnográfica de campo xunto con Pablo Díaz. Ademais de cantar e tocar diversas percusións de man, Olga toca o acordeón diatónico ou o tambor,  e dedícase ao seu ensino en diversas escolas de música tradicional. Ademais de facer coros na banda TIC TAC, é integrante do grupo de música tradicional “Ruote” e directora do grupo de baile tradicional da Coruña “Donaire”. Tamén pertence ao coro integrado por 16 cantantes de diferentes estilos “Sisters in the house”.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Pingback: Curso con Felisa Segade – Folque

Deixa un comentario