A Escola de Música d’aCentral ofrece dous cursos de Análise Musical sobre cancións tradicionais con dous enfoques particulares. A materia do Curso Maxistral que se pode cursar por separado -se fican prazas libres- e un específico a partir de xaneiro.
O curso de Teoría e análise da música tradicional que empeza o 20 de outubro dentro do Curso Maxistral na Central Folque é parte dunha formación integral, que se completa con aulas de Historia da música popular galega e coas materias prácticas Repertorio tradicional e Arranxos e música moderna (para máis información, clicade aquí). Os contidos deste curso complementan o que se verá nas aulas prácticas, mais é posible matricularse de materias separadas tamén. Se vos interesa o curso podedes preguntar sobre a matrícula aquí. O programa desta materia (que, malia chamarse “teoría”, tamén inclúe elementos prácticos) podedes visualizalo en documento de texto (Teoria_e_formas_Curso_Maxistral) ou velo na páxina do mestre Sergio de la Ossa.
Para os interesados en profundar máis na análise de cancións tradicionais, e especialmente en preparar a proba de análise das oposicións a mestres, comeza en xaneiro un curso de 11 sesións de 4 horas (sábados pola mañá, semanas alternas ata comezos de xuño 2019). O prezo do curso completo son 260€. As datas e os contidos das sesións programadas védelas no seguinte documento de texto (Analise_Sesions_Taboa) ou aquí abaixo. Podedes completar a matrícula aquí.
Se tedes algunha dúbida sobre o contido do curso, escribide ao enderezo de contacto da páxina de Análise Musical. Se é sobre cuestións administrativas, matrícula, escribide a matrícula@folque.com.