Cursos ZdZ’22 para zanfonistas

Máis un ano, parte da programación da Zona da Zanfona, Encontro Internacional de Rianxo está adicada aos cursos intensivos de interpretación para músicos de todas as condicións. Como novidade para o 2022 organizarase un curso de nivel intermedio que acontecerá o venres pola tarde ao mesmo tempo que o de iniciación para que quen queira poida asistir tamén ao curso avanzado (como ouvinte ou participante activo) o sábado todo o día.

Os mestres convidados son:

Óscar Fernández para o de iniciación desde cero con instrumentos que serán emprestados para a realización do curso para as persoas interesadas en achegarse dun xeito intenso nunha xornada para músicos ou non músicos que queiran descubrir este universo sonoro.

O músico e pedagogo Gorka Bravo impartirá o curso de nivel intermedio orientado a tocador@s iniciados na zanfona que queiran expandir o seu coñecemento e queiran coñecer un repertorio adaptado sobre músicas tradicionais bascas. Trataranse algunhas pezas do seu libro Ehun Doniak , o primeiro método de aprendizaxe de músicas de Euskal Herria, publicado no 2021.

O curso de nivel avanzado será impartido polo virtuoso músico turinés Francesco Giusta sobre o repertorio piemontés (Italia).

Información xeral:

  • Data: venres 8 de xullo pola tarde (iniciación e intermedio) e sábado 9 de xullo todo o día (avanzado)
  • Lugar: Auditorio de Rianxo
  • Prezos: 20€ (iniciación) / 25€ (intermedio) e 40€ (avanzado)
  • Prezo ouvinte curso avanzado: 20€
  • Prazas limitadas.
  • Datas de inscrición: do 9 de xuño ao 5 de xullo
  • Debes encher o formulario dixital que aparece que cada unha das seguintes entradas (*recibirás un correo (non inmediato, non automático) oa confirmación da praza e instrucións a seguir para a formalización da matrícula):

+ info:

Sobre os mestres:

Francesco Giusta aproxímase á ghironda a idade de 11 anos. Máis tarde desenvolverá a súa técnica con mestres coma Patrick Bouffard, Gregory Jolivet, Germán Diaz, Tierry Nouant, Stephane Durand, Valentin Clastrier, Matthias Loibner e Tobie Miller con quen actualmente estuda repertorio barroco. Desde o comezo da súa andaina, centrouse no repertorio tradicional da súa rexión (Piamonte) e na música folque do Macizo Central, analizando e entendendo as estruturas e linguas daquel xénero aplicado á danza. Nos últimos anos transita o camiño cara a unha das súas grandes paixóns, o repertorio barroco francés do século XVIII para vielle à roue. Desde 2011 adícase a docencia en varios países europeos con aulas maxistrais especializadas e regularmente en aulas en Turín.

Ten tocado en varias bandas, principalmente dentro de música folque e medievalista,  actuando en festivais de Italia, Francia e Alemaña; gravou algún CD é coas súas bandas así como sendo un convidado en varios traballos doutros grupos. En 2015 gañou o primeiro premio “Maître sonneur” como solista no concurso ‘Le son continu’ do festival  en Chateaux d’Ars, Francia.

Gorka Bravo Barreiro é diplomado en Maxisterio musical pola Euskal Herriko Unibertsitatea EHU-UPV cun máster en Psicopedagoxía pola Universitat Oberta de Catalunya UOC, e Grao Profesional de gaita polo Conservatorio de Oviedo. Formado con grandes músicos da música tradicional, estudou zarrabete da man de Germán Díaz, Jesús Reolid, Abel García, Carlos do Viso, Efrén López entre outros, ademais doutros instrumentos tradicionais como gaita, alboka, txalaparta, e percusión tradicional. Actualmente forma parte dos grupos Harresian Zulo, Kolme Katu y Sarrabete, dirixe as bandas de gaitas EguzkiFole e Amiestu Sones, actividade que combina coa docencia na Escola de Folk de Gasteiz e en Dominizubi Musika Eskola de Zigoitia, onde imparte clases de percusión tradicional, gaita e zarrabete. Con todo iso, ten publicado máis dunha decena de traballos discográficos, así como os libros “A gaita asturiana e a súa didáctica” (2013) “Galegoekin Bapo” (2018) e “Ehun Doinuak” (2021) método específico sobre a aprendizaxe e doncencia do zarrabete.

Atópase acabando de gravar o seu primeiro traballo en solitario, un disco conceptual sobre a música vasca e o zarrabete, chamado Sorgin Gurpil.

Óscar Fernández é unha personalidade de grande peso no folque galego desde os anos 90, foi membro de Saraibas e un dos fundadores e principal arranxista de Os Cempés e do desaparecido grupo bOnOvO. Músico de formación autodidacta principalmente interesado na música tradicional e folc de raices europeas, nunca deixou de experimentar, arranxar e compoñer de xeito semiprofesional nun comenzo co acordeón, gaita , frauta traveseira… Desde o ano 1998 céntrarse case exclusivamente na zanfona xa como profesional combinando a docencia coa música en directo en formacións lideradas por él e colaboracións noutros proxectos. Empeza a estudiar diferentes técnicas de cos consellos do mestre Anxo Pintos e nos cursos da AIZ con Gilles Chabenat, Valentin Clastrier, Anne Lise Foi, Stephane Durand, Pascal Leféuvre, Germán Diaz…

Actualmente desenvolve o seu labor como compositor, arranxista e intérprete en solitario ou a dúo de Xemelgas con Manu Fraguela. Ten feito música para documentarios e películas, composto melodías que xa forman parte da tradición da música popular galega. É a referencia galega no emprego da zanfona dun novo xeito de entender o instrumento con referencias á vangarda europea adaptada ás formas musicais galega.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario