Dispostas para cantare

O mestre da Escola de Música Popular e Avanzada e colaborador da liña editorial da Chave Mestra, Sergio de la Ossa, acaba de editar a selección de músicas e comentarios para unha nova publicación do Museo do Pobo Galego. A presentación do libro-cd “Dispostas para cantare” terá lugar este mércores 18 de outubro, no MPG ás 12 h. Este traballo é unha escolla de temas seleccionados do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade – APOI – do Museo do Pobo Galego.

No acto de presentación intervirán Concha Losada, patroa do Museo do Pobo Galego e coordinadora do APOI; Xosé Manuel González Reboredo,  Presidente da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego; José Martínez Chantada, Presidente do Consello de Administración das Bodegas Martín Códax SLU e pecha o acto Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Ao remate, as Bodegas Martín Códax convida a un viño a todos os asistentes.

Este proxecto naceu no ano 2007 cando Baldomero Iglesias – Mero – e Xosé Luis Rivas – Mini – acordaban co Museo do Pobo Galego a cesión dos seus arquivos persoais e a posta en marcha da dixitalización, estudo e difusión das súas recollidas de cantos, bailes, lendas e refrán que forman parte do patrimonio oral galego. O fondo de arquivos medrou pouco a pouco coas achegas de Xesús Mato e Juan Parga, de Rosa García-Orellán e Marcial Gondar, a colección da Asociación de Gaiteiros Galegos, entre outros. Así, a día de hoxe o APOI conta con máis dun milleiro de casetes, videocasetes, e outros formatos, e na súa base de datos xa están publicados máis de 400 rexistros que están a disposición da cidadanía a través da páxina web http://apoi.museodopobo.gal/. “Dispostas para cantare” é o nome do libro-cd, patrocinado polas Bodegas Martín Códax, no que se recollen 24 temas variados en canto ao xénero e á procedencia.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario