trasPediante Cultura organiza o ciclo internacional de artes vivas no museo De corpo en lugar que dende o 25 de setembro e ata o 3 de outubro terá lugar en Santiago de Compostela, no CGAC. Este é un programa internacional de artes vivas no espazo museístico articulado arredor das propostas performativas Ministerio de Asuntos do Movemento (BMfB), da performer austríaca Amanda Piña, e thinging bodies, da artista turca Ayşe Orhon. Ademais de dous ciclos de intervencións centrados nas temáticas de parainstitucionalidade e movemento, e corpo e potencia, respectivamente.
Entendendo os procesos insituíntes como aqueles que mediante un desbordamento extradisciplinar conseguen constituírse nunha forma de autoorganización capaz de transformar a institucionalidade preestablecida,
este primeiro ciclo propón o estudo e a experimentación do movemento do corpo no espazo público e das experiencias que ese movemento pode producir co fin de potenciar posibles procesos insituíntes no contexto local.
Neste ciclo presentarase, por primeira vez en Galicia, o Ministerio de Asuntos do Movemento de Austria (BMfB), unha performance do colectivo Nadaproductions que, baixo o slogan “Vai e fala co teu goberno”, promove a creación de novas formas de institucionalidade con recoñecemento legal. Ademais, a performer Amanda Piña dirixirá o obradoiro O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal e constituirase o Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), entidade análoga ao BMfB en Galicia, co obxectivo de promover unha comunidade profesional e cidadá arredor de novas formas de facer nos eidos artístico e social.
En paralelo desenvolveranse as xornadas “Procesos instituíntes na praxe artística actual” dirixidas pola crítica cultural Ania González e o artista sonoro e programador Horacio González.
PROGRAMA
Xoves 25 de setembro
17:30-19:30 h Obradoiro O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal, impartido por Amanda Piña
Venres 26 de setembro
11:30 h Sinatura e ratificación da fundación do IGAPA (Instituto Galego de Praxe Actual) 16:30 h Sesión plenaria aberta do IGAPA (Instituto Galego de Praxe Actual)
18:00 h Xornadas Procesos instituíntes na praxe artística actual. 18:30 h Presentación do proxecto “Máquinas de vivir. El flamenco y la arquitectura en la ocupación y desocupación de espacios”, a cargo de María García Ruiz. 19:00 h “¿Las instituciones se cantan o se bailan? Algunos aprendizajes sobre la institución fuera de la institución”, a cargo de Pedro G. Romero.
20:30 h Presentación do BMfB: Amanda Piña, Daniel Zimmermann e Meinhard Rauchensteiner
Sábado 27 de setembro
10:00-14:00 h Obradoiro O corpo político / a coreografía no ámbito da desobediencia corporal, impartido por Amanda Piña
16:30 h Sesión plenaria aberta do IGAPA (Instituto Galego de Praxe Actual)
17:30 h Xornadas Procesos instituíntes na praxe artística actual: Ania González, Horacio González, Iago Martínez e un representante do CCEMX (Centro Cultural Español en México)
2º CICLO | CORPO E POTENCIA
O segundo ciclo preséntase como unha reflexión arredor do corpo e da súa potencialidade. Parafraseando a célebre sentenza do filósofo B. Spinoza sobre o que pode un corpo, “De corpo en lugar” pregúntase, canto e cantos corpos poden?, unha cuestión fundamental para deslindar os significados implicados na danza, a arte, o corpo e a colectividade.
Nesta ocasión a artista e coreógrafa turca Ayşe Orhon presenta, por primeira vez en Galicia, a súa performance thinging bodies; unha investigación sobre os procesos autónomos na coreografía, as presenzas múltiples creadas nun suxeito e as posibles maneiras de crear contextos e situacións relacionais non subxectivas.
A performance irá acompañada dun obradoiro con Ayşe Orhon dirixido a estudantes e profesionais das artes e a calquera persoa interesada no tema proposto.
Como parte deste segundo ciclo terá lugar a charla da profesora de estética e teoría das artes da Facultade de Filosofía da Universidade de Zaragoza Victoria Pérez Royo, na que se analizará como as diversas estratexias que exploran a implicación do corpo individual e grupal están a determinar na actualidade os procesos de negociación colectiva.
PROGRAMA
Mércores 1 de outubro
16:00-19:00 h Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon
Xoves 2 de outubro
16:00-19:00 h Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon
19:30 h Conferencia Teatralidade e corpo colectivos. Ensaios de corporalidade axente en escena, impartida por Victoria Pérez Royo
21:00 h Performance thinging bodies | Ayşe Orhon (Turquía)
Venres 3 de outubro
16:00-19:00 h Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon
21:00 h Performance thinging bodies | Ayşe Orhon (Turquía)
Producción: Traspediante
Coordinación CGAC: Cristina Trigo
Colaboran: Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), Xunta de Galicia, Axencia Galega de Industrias culturais (AGADIC) Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Universidade de Santiago de Compostela (USC)
Máis información CGAC http://cgac.xunta.es/GL/actividad-detalle/75/de_corpo_e_lugar_artes_vivas_no_museo
Máis información Traspediante: http://traspediante.com/gl/de-corpo-en-lugar/
Folleto dos obradoiros http://cgac.xunta.es/assets/img/actividades/2014/2014folleto_obradoiros_corpoelugar.pdf