é-baile

é-baile é un proxecto artístico e educativo de aCentral Folque que ten como obxectivo a posta en valor do importante recurso patrimonial, social, artístico e económico que é o baile tradicional galego.

Nesta primeira fase, promovida pola Deputación da Coruña, o é-baile chegará a dúas localidades da provincia: A Pontraga (Tordoia), o sábado 22 de decembro, e Oza (Carballo), o sábado 29 de decembro. A Asociación Cultural Brisas do Quenllo, da Pontraga, e a Escola do Alprende, de Oza, colaborarán na organización das primeiras paradas do é-baile, que contarán con tres seccións: un curso de baile interxeracional ás 18h, un concerto ás 20h e unha foliada aberta a partir das 21.30h.

Pero o é-baile é moito máis que isto. Encadrado neste proxecto,  aCentral Folque vén de publicar en decembro de 2018 o libro “Bailegramas“, unha creación orixinal do bailarín e profesor de baile Serxio Cobos que dá inicio ao primeiro sistema de notación do baile tradicional galego. Ademais, o enfoque audiovisual tamén ten un grande peso no é-baile, polo que durante o presente mes se irán publicando na nosa canle de YouTube unha serie de vídeos: por un lado, as chamadas follas de baile, nas que Serxio Cobos achegará de forma plástica o patrimonio coreográfico de cada comarca; e por outro, varias producións realizadas en Oza e na Pontraga nas que os propios tocadores e bailadores da zona mostrarán pezas e bailes locais.

Paradas do é-baile 2018

Sábado 22 decembro. A Pontraga, Tordoia

18h. Curso de baile agarrado con Luís Prego, estudoso e investigador da música e do baile de raíz. Autor dos libros Para cantar e bailar e Xogos musicais e mais de diversos artigos en revistas e publicacións especializadas, na actualidade imparte aulas de baile, gaita, requinta, acordeón, percusión tradicional e canto en diferentes asociacións da área de Pontevedra. Aquí podes visitar o seu proxecto en andamento, Un punto ao día con Luís Prego.

20h. Concerto Tralo-Valo, formado pola pandeireteira e bailadora Carme da Pontragha e o zanfonista Ariel Ninas. Podes ouvir os seus temas aquí.

21.30h. Foliada Aberta

Onde? Escola Unitaria. Lugar de Belvís, Numide. Estrada CP-5903 Km.5,5

+ info

Sábado 29 decembro. Oza, Carballo

18h. Curso “Bailaomundo” con Serxio Cobos, bailador dedicado á danza tradicional en todas as súas vertentes, como coreógrafo, músico, bailador e director musical. Foi fundador e director artístico das compañías Bruma e Trebón (novas tendencias da danza galega), así como director musical e intérprete de danza nas compañías Círcio e GS21. Actualmente é director musical do grupo portugués Aqui há baile e vén de publicar Bailegramas, o primeiro sistema de notación do baile tradicional galego.

20h. Concerto de Óscar Fernández, Serxio Cobos e Mercedes Prieto, que poñerán música e danza vinculadas ao curso “Bailaomundo”.

21.30h. Foliada Aberta

Onde? Espazo da Natureza de Oza, Lugar de Encrucilladas, 19. Estrada CP-1902

+ info

_________

Promove: Deputación da Coruña

Organiza: aCentral Folque

Colaboran: Punto e Volta, AC Brisas do Quenllo, Escola do Alprende

_________

Deixamos dous vídeos de mostra:
–  Bailegrama #1 – Maneo de Cabaleiros (Tordoia), con Serxio Cobos.
– Pateado da Pontraga (Tordoia), interpretado por tocadoras e bailadoras da AC Brisas do Quenllo.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario