Elelelos, o disco

elelelosXa está á venda o dobre disco “Elelelos: Músicas de tradición oral no Concello de Bueu”. Presentarase oficialmente cun concerto homenaxe en Bueu o venres 27 de xuño. O proxecto logrou case 4 mil euros nun proceso de micromezenazgo que organizou a Asociación e escola Retrouso de Cela no que dabamos conta nesta web

O disco foi presentado o pasado 19 de xuño de 2014 na Casa do Concello de Bueu que comezou coa entrega dos 70 cedés que mercou o Concello como xeito de colaboración coa iniciativa.

A presentación en público dos Elelelos será o venres 27 de xuño, cun concerto de balde no Centro Social do Mar de Bueu (ás 20.00h). Nesa ocasión, actuarán os músicos de Retrouso que participaron no disco (7 pandeireteiras, 2 gaiteiros, un acordeonista, un tamborileiro e un bombeiro) contando coa colaboración doutros compañeiros e compañeiras das escolas de Retrouso. Intervirán tamén algúns dos informantes que aparecen no primeiro dos cedés que compoñen o Elelelos, veciños e veciñas do Concello que souberon manter a cadea da tradición oral ata os nosos días.

Guillerme Ignacio, produtor artístico dos Elelelos, á parte de profesor de perfeccionamiento da aula de pandeireta de Retrouso e autor da meirande parte das recollas do proxecto, detallou que “Retrouso ten previsto tamén unha actuación no programa Luar da TVG o venres 4 de xullo, presentalo de novo na parroquia de Cela o sábado 12 de xullo, no transcurso do XIII Festival Retrouso, e distintas intervencións por radios”. Tamén agarda, segundo apuntou Ignacio, confirmar algunhas presentacións en bares relevantes dos circuítos culturais das principais cidades e vilas galegas como Vigo, Santiago, A Coruña ou Lugo e queda aberto a propostas de festivais musicais.

O CD, pola súa banda, “está á venda a través da web elelelos.com”, informou Guillerme Ignacio, “en distintos puntos de Bueu como a libraría Miranda, a libraría Abrente ou o bar Aturuxo ou O Couto de Beluso; e vai ser distribuído por toda Galicia e por puntos importantes do estado a través da distribuidora Inquedanzas. Ademais de poder pedirllo a calquera membro de Retrouso”.

O proxecto Elelelos contén dous discos. O primeiro é unha escolma das recollidas de campo que os membros de Retrouso de Cela levan facendo a xente maior durante os últimos 15 anos en todos os recunchos de Bueu. Inclúe música de gaita, filharmónica, pandeireta e sobre todo moita música vocal. Cantares do ciclo da vida (arrolos, xogos) e do ano (reis, panxoliñas, cantares do entroido); un enorme repertorio de cantares e tocatas para o baile… Unha compilación que chega aos 47 cortes e que pretende achegar ao público en xeral e aos estudosos en particular a achegarse ás músicas de raíz deste pequeno pero interesante concello morracense.

O segundo disco é un tributo de Retrouso tanto ás músicas do concello de Bueu coma aos seus portadores, os informantes. Nel hai 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos da agrupación de Cela, e conta tamén coa participación especial de María do Caño, grande cantadeira da Illa de Ons que interpreta un antigo romance acompañada da zanfona de Guillerme Ignacio.

O proxecto Elelelos deuse a coñecer a finais do ano pasado, ao lograr financiarse mediante un innovador sistema de micromecenado (crowdfunding) a través de Internet. Cun obxectivo de financiamento de 3.600€, logrou reunir finalmente case 4.000 euros, de algo máis de 200 mecenas, na súa inmensa maioría a través da plataforma Verkami. Os mecenas axudaban a garantir a realización da iniciativa a cambio de recompensas previstas como un adianto en mp3 dalgunhas cancións, unha camisola de Elelelos deseñada por Luís Davila ou unha copia do traballo, cando estivese listo.

Os envíos para os mecenas máis afastados xa se realizaron e o día 27 Retrouso agarda entregar os que quedan aos máis próximos. A presentación oficial servirá tamén para agradecer e homenaxear a estes mecenas que permitiron a realización da iniciativa.

Sobre Retrouso de Cela

A Asociación Cultural Retrouso de Cela leva máis de 15 anos traballando pola recuperación e impulso da cultura tradicional galega e nomeadamente a música e o baile tradicionais. Ten unha forte estrutura de escolas de baile, gaita, percusión, canto e pandeireta e acordeón, ademais de organizar recollidas de campo, foliadas e festivais musicais.

 

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario