Os vindeiros 2, 3 e 4 de xuño celébrase na vila de Caminha o Encontro de Tocadores 2017, festival enmarcado no Entre Margens, celebracións de verán da vila miñota. O festival son tres días de concertos, cursos, forum de conferencias e presentacións editoriais e discográficas, mostra de artesanía musical, foliadas e bailes ao improviso, convivio, animación de rúa e festa para todo tipo de públicos: familiar, músicos, bailarinos, pesquisadores e amadores da cultura popular. Todo de balde e con moito ánimo. Até o 28 de maio están abertas as inscricións aos cursos que este ano versan sobre: Acordeón diatónico e Concertina; Rabeca chuleira e Violino popular galego; Cantos Polifónicos de Lafões e Pandeiretas galegas; Toques de Chamarritas; Gaita de Fole; Dança tradicional: Chamarritas do Faial e do Pico. Para inscribirte, hai que cubrir este formulario.
Os concertos de palco terán lugar ao aire libre e este ano estarán Ariel Ninas e César Prata no Largo Calouste Gulbenkian no centro histórico de Caminha cos Cantos de Cego da Galiza e Portugal, logo de terse coñecido no Entro de Tocadores do 2015 e resolver a traballar xuntos co mellor espírito do EdT e cumprindo un dos seus obxectivos de facilitar o intercambio cultural entre atistas das dúas marxes do Minho. Daniel Pereira “Cristo” presentará tamén o seu traballo recentemente publicado “Cavaquinho cantado” un espectáculo arredor deste instrumento minhoto senlleiro.
aCentral Folque participa na organización deste festival transfonteirizo canda os parceiros portugueses da PédeXumbo, de Évora, a Coreto de Porto e os activistas locais Francisco Caldas e Napoleão Ribeiro de Santo Tirso. O festival está promovido pola Câmara de Caminha e ten o apoio da AGADIC galega.
Este é o vídeo promocional do Encontro de Tocadores 2017 feito con retellos e momentos especiais doutros anos: