Aula Folque Infantil

A AFI de Pontevedra é a sección infantil do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque. A AFI nace no curso 2002/2003 e rematou a súa actividade en Pontevedra  no curso 2012/13, dez anos despois do seu nacemento e decenas de crianzas que aprenderon a convivir coa música dun xeito creativo e integrador.

A AFI ofertou un ensino imaxinativo, diversificado, aberto, experimentador e revolucionario sen parangón no ámbito da educación musical galega. Pretendía ser un espazo musical alternativo para nenas e nenos e un lugar de ensino complementario aos conservatorios e escolas de música.

En paralelo, creouse o Laboratorio de Sons -LABdS-, unha aula propia de experimentación diferenciada da AFI e que serve para a investigación sonora e escénica sempre co compoñente lúdico como motor da aprendizaxe.

Os cursos, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 5 e 13 anos (AFI) e 8 e 15 anos (LABdS).

Detalles:

Horarios

  •   Aulas da AFI: os venres á tarde
  •   O Laboratorio de Sons os sábados á mañá

Obxectivos

  • Ofertar dun xeito integrado o ensino da música tradicional galega nas súas catro vertentes principais: canto, percusión, baile e melodía instrumental.
  • Pór a disposición do alumnado aulas e espazos creativos coma o laboratorio e o estudio de gravación onde poidan desenvolver e autoxestionar as súas capacidades compositivas e creativas.
  • Ampliar a escasa oferta de centros de produción artística infantil existentes no ámbito galego.
  • Facer que a AFI sexa un espazo accesíbel aos nenos máis desfavorecidos economicamente. Así, en 2008 ábrense seis prazas para familias sen recursos.
  • Achegar a tecnoloxía dixital e o software libre ao público infantil partindo das gravacións e manipulacións das súas propias músicas e imaxes no estudio audiovisual da AFI.
  • Proseguir co proceso de desenvolvemento e consolidación de existencia da Compañía Infantil AFI.

O disco da AFI

O último curso da AFI no 2012/2013, viu a realización dun soño que foi a gravación dun disco que se publicou en formato vinilo: PEDACIÑOS DE CEO. O disco tiña unha CARA A coas novas cancións do ano e unha CARA B con temas doutros anos do Laboratorio de Sons.

Se queres máis información deste disco, mercar o vinilo ou descargar as cancións, segue este link: http://commons.folque.com/2014/01/06/descarga-o-disco-da-afi/

 


 

Comments are closed