Proxecto Curricular

O currículo de aCentral Folque está conformado polo conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación das diferentes materias.

Os estudos impartidos estarán encamiñados ao logro da adquisición, por parte de todo o alumnado, das capacidades que permitan:

  •  Coñecer e apreciar os elementos básicos que conforman o sistema musical patrimonial galego.
  •  Coñecer e apreciar un repertorio básico adaptado a cada instrumento.
  •  Coñecer e apreciar as formas musicais máis elementais.
  •  Dominar unha bibliografía básica do seu instrumento e do folclore musical galego.
  •  Valorar o inmenso caudal que nos aportan os diferentes folclores musicais do mundo, a diversidade de estilos e conceptos estéticos, o contacto con realidades complementarias á galega, etc.
  •  Dominar o instrumento como vehículo de comunicación cos demais. A adquisición desta habilidade permitirá que o alumnado poda expresar a través do seu instrumento toda a súa experiencia musical, os seus conceptos estéticos, o seu discurso melódico e rítmico.
  •  Ter a destreza instrumental necesaria para estar en disposición de poder optar a unha ocupación profesional dentro do ámbito da música.

————————————————————————

MATERIAS. Breve sinopse

 

Aulas individuais

*Os horarios indican a dispoñibilidade do docente na aula, o reparto do alumnado na aula faise a comezos do curso para atender a dispoñibilidade de cada caso.

Aula de canto e técnica vocal

Mestra: Paulina Ceremuzynska

Programa especializado cunha das mellores coñecedoras da música antiga e medieval galega: Paulina Ceremuzynska que incidirá na técnica vocal e interpretación de cada persoa para aproveitar as caraterísticas fonadoras e aprender e mellorar os fundamentos do cante en cada un dos estilos que o alunado requira.

Horarios: venres. mañá e tarde
Lugar: Auditorio de Galicia


Aula de percusión

Profesor: Roberto Sala

Para a súa aula propón un achegamento ás diversas culturas e tradicións a traves do estudo da percusión. Unha viaxe étnica, na que o alumno ten a posibilidade de coñecer técnicas e instrumentos da música galega, árabe, afro-latina, o flamenco, ou o jazz. Tamboril como fundamento da aula con achegas a outros instrumentos coma bombo, darbouka, caixa flamenca ou batería entre outros, estarán a disposición do estudante atendendo sempre ás preferencias e necesidades de cada un.

Horarios: Luns
Lugar: CSC  Castiñeiriño


Aula de sanfona 

Profesor: Óscar Fernández

As aulas de sanfona consisten no estudo das técnicas de execución actuais; repertorio e xéneros tradicionais galego e doutras culturas; diferentes xéneros da música tradicional; escalas, modos e ritmos máis usados; sistemas de notación musical específico. Especial atención á memorización das melodías, á interpretación en grupo e á independencia do estudante á hora de procurar e adaptar repertorio para tocar en público.

Horarios: venres mañá e tarde; sábados (só mañá)
Lugar: Auditorio de Galicia


Aula de violino

Profesora: María G. Blanco

Baseado no ensino de repertorio de gaita principalmente así como na escasamente conservado pero riquísimo estilo en Galiza. Atención tamén a outras culturas europeas onde este instrumento ten unha importante presenza: países escandinavos, illas británicas, centro e leste de Europa. A través de técnica específica para violino: dixitación, tonalidades, ornamentación, golpes de arco, etc. poñendo en valor a transmisión oral e a memoria musical.

Horarios: Venres e sábado
Lugar: Auditorio de Galicia (venres) CSC A Trisca (sábado)


Aula de frautas e requinta

Profesor: Roberto Sala

Aula centrada nas frautas traveseiras dentro da música popular e no folque. Ensino cos instrumentos de metal ou madeira segundo o interese do estudante e especial atención á requinta como instrumento tradicional galego. O obxectivo é acadar un desenvolvemento técnico óptimo, emisión do son, control da respiración, emprego das chaves, articulación musical, ornamentación propia, coñecemento das escalas e os modos así como adquirir a habilidade de tocar en grupo.

Horarios: luns
Lugar: CSC O Castiñeiriño


Aula de gaita

Profesor: Roberto Sala

Ensino individualizado ou en grupo reducido para a gaita galega. Repertorio, afinación, ornamentación, articulación,… aspectos básicos e avanzados para quen queira aprender ou perfeccionar o seu toque no instrumento máis senlleiro da música patrimonial galega.

Horarios: luns
Lugar: CSC O Castiñeiriño


Aulas colectivas

*Os grupos son de prazas reducidas e o número é determinado en cada aula.

Baile

Mestre: Sergio Cobos

Aulas de danza tradicional fundamentadas nos bailes soltos galegos (xotas e muiñeiras) con espazo para algún baile agarrado (mazurca, valse ou rumba) e outros ritmos europeos (schottische, valsa mandada,…). Aulas eminentemente prácticas con introducción á linguaxe pictográfica de aprendizaxe de pasos.

Horarios: venres tarde de 17 a 18.30 h (grupo I) e de 19 a 20.30 h (grupo II) / sábados mañá de 12 a 13.30 (grupo III) e tardes de 16 a 17.30 h (grupo IV)
Lugar: CSC Trisca (sábados) e LSC Caramoniña (venres)
Prazas: límite 10 persoas por grupo


Linguaxe musical, método Kodály

Profesor: Sergio de la Ossa

Curso dedicado a aqueles que queiran achegarse á lectura e á escrita da música, ao entrenamento auditivo e á comprensión musical a través do canto e da experiencia práctica, principalmente empregando cancións e melodías instrumentais tradicionais. Empregaremos tanto técnicas consagradas no Concepto Kodály (p. ex. o solfexo relativo/do móbil) como outras máis novidosas. de procedencias varias

Horarios: sábado tarde ás 18 h
Lugar: Auditorio de Galicia


Análise de cancións tradicionais

Profesor: Sergio de la Ossa

Curso de achegamento á canción tradicional, galega e doutras culturas para aprendermos os segredos e sintaxes destas músicas. Contidos que respostan a preguntas coma estas: as variantes dunha mesma melodía e como varían ou improvisan os músicos tradicionais? a importancia do ámbito para datar a antigüidade dunha melodía? a relación entre música e texto? a métrica do verso dunha canción? Válido para a preparación das oposicións de música no ensino.

Horarios: sábado tarde ás 16 h
Lugar: Auditorio de Galicia


Harmonía na música popular contemporánea

Profesor: Alejandro Vargas

Destinado a todo músico con certa solvencia instrumental que teña curiosidade por iniciarse no mundo da harmonía moderna e o arranxo. Trátase de saír momentáneamente do concepto horizontal/melódico para coñecer a arquitectura vertical da música e as normas e técnicas máis básicas para conseguir colorear melodías.
Serán nove sesións intensivas durante o curso académico coa posibilidade para quen o desexe de asistir ás clases de conxunto instrumental e introdución á improvisación.

Horarios: venres tarde ás 17 h
Lugar: Auditorio de Galicia

Deixa un comentario