info práctica

EMPA2015_16_web_PROESIONALPara quen é o Curso Maxistral?

Este curso profesional está orientado a calquera persoa iniciada na música con formación noutras escolas, conservatorios ou ben autodidactas, con perfiles creativos, ou interpretativos que poidan asumir retos profesionais a escala local ou internacional, así como axudalos á súa incorporación ao mundo profesional da música.

Para conseguirmos estes obxectivos baseámonos nun modelo de centro:

  • Especializado nas formas musicais galegas de transmisión oral e aberto as linguaxes de vangarda
  • Integral, caracterizado pola flexibilidade e equidade entre as especialidades
  • Ao servizo dos futuros profesionais da música e tamén do conxunto da sociedade
  • Conectada con profesionais, dos ámbitos escénico, educativo e investigador, de Galiza e do resto do mundo
  • Aberta a todo o sector musical, permeábel ao entorno social e impulsora da música galega en todas as súas dimensións

 

Cal é a diferenza co outro curso de Formación Continua da Escola Folque?

O curso que nós chamamos “Formación continua” son aulas individuais/colectivas, materias específicas de práctica instrumental coma gaita, canto, sanfona, violino, etc. en docencia individualizada de mestre-aluno directamente (face-to-face) ou en aulas colectivas nas específicas de harmonía, linguaxe musical, canto e pandeireta, baile, gaitas e regueifa. Este itinerario é para todo tipo de persoas con seus intereses, niveis e con ou sen coñecemento previo pero que quieran aprender e mellorar a técnica e repertorios dos instrumentos ofertados

Este curso de formación continua é complementario ao Curso Maxistral (tamén chamado de Formación Profesional) puidéndose cursar ambos se os horarios o permitisen segundo a especialidade. As matrículas son diferentes e é preciso formalizadas con cadanseu formulario.

 

Cando e onde se imparten as aulas do Curso Maxistral?

Este curso ten dúas convocatorias en sesións de 4 horas: venres tarde e sábado mañán. Son dous grupos cun máximo de 16 persoas por grupo que recibirán as súas aulas ao longo do curso escolar de outubro a xuño.

O espazo adicado para este itinerario da EMPA é o Auditorio de Galicia, no barrio de Vista Alegre en Santiago de Compostela. O concello da cidade, responsável deste inmóbel, cede as súas instalacións onde a EMPA dispón de tres aulas, un salón de conferencias e reunións e os auditorios para impartir a docencia dete curso.

O curso comeza o 13 de outubro de 2016 e remata o 23 de xuño de 2016.

 

Como podo acceder ao Curso Maxistral da EMPA?

Formalizando a matrícula nun proceso online. Debes cumplimentar a folla de preinscrición onde indicar os teus coñecementos e formación previa en música así coma as motivacións persoais para asistir a este curso. Unha vez recibida a conformidade de admisión e sempre dependendo das prazas disponíbeis (máximo 10 persoas en cada un dos dous grupos), deberás abonar o prezo da matrícula nun so pagamento por transferencia bancaria.

Para acceder a este curso as interesadas deberán acreditar una formación e/ou experiencia musical mínima que certifique a capacidade para a realización deste ciclo de estudos. O ingreso neste curso estará suxeito a unha valoración positiva da aluna por parte do claustro permanente constituído polos directores dos catro departamentos na que se teste a capacidade da candidata para a realización deste ciclo de estudos.

Cada candidata deberá entregar, alén do currículo detallado, unha exposición escrita de intencións que inclúa as súas motivacións e intereses particulares para ingresar no programa. Poden ser anexados materiais que se xulguen útiles para unha xusta apreciación da candidatura. O director de departamento, dependendo do número de solicitudes poderá requirir, ademais, unha audición e/ou unha entrevista.

Criterios de exclusión: ausencia de coñecementos básicos na materia ou intereses irrelevantes na área.

O prezo do curso de formación profesional da EMPA ten un custo de 300€/ano no primeiro curso e de 220 € no segundo

 

Quen impartirá aulas?

O mestrado escollido para impartir aulas dispón de cátedra libre para ensinar os contidos que considere axeitados mais é o claustro permanente da EMPA a que define as liñas que se aprenderán na Escola. A filosofía da EMPA é ofrecer visións diferentes da man das profesionais en activo que levan investigado, practicado e promovido coñecementos ao redor da música desde distintos puntos de vista: teoría, traballo de campo, vangarda, práctica instrumental, excelencia, solvencia na transmisión de coñecementos e pedagoxía,…

O obxectivo é ofrecer ao alunado unha variada visión ao redor da música popular contemporánea centrada na música de raíz tendo a posibilidade de coñecer directamente da man das persoas que levan investigado en candanseu ámbito.

A EMPA pivota ao redor de catro eixos, dirixidos polos seus respectivos coordinadores:

  • Música trad folque e repertorio: Pablo Pérez Sanmamed
  • Música popular urbana e harmonía moderna: Alejandro Vargas
  • Músicas contemporáneas e experimentais: Javier María Álvarez
  • Formas, etnomusicoloxía e análise: Sergio de la Ossa

A estes mestres permanentes, súmase un feixe de especialistas que impartirán seminarios exclusivos en distintas áreas: Dorothé Schubart,  Rosalía Rodríguez Vázquez, Ugia Pedreira, Paulina Ceremuzynska, José Manuel Díaz, Olga Kirk, David Bellas, Paulo p., José Luís do Pico Orjais, Nacho Muñoz,  Óscar Ibáñez,  Carlos Freire, Pablo Pérez, Fernando Abreu, Carme Iglesias, Maisa Lago, Alba María, Xavier Groba, Tomás Ageitos

Cales son as materias?

No primeiro curso deste itinerario, cada semana impartiranse materiais troncais, obligatorias e iguais para todo o alunado ao longo de cada sesión (sábado mañá) arredor destas catro materias:

  • Repertorio e recursos interpretativos (práctica)
  • Arranxos e harmonización (práctica)
  • Fontes, formas e análise (teórico-práctica)
  • Historia social e contextos no noroeste peninsular (teórica)

Cada dúas horas terá adicación exclusiva da persoa coordinadora (Pablo Pérez, Alejandro Vargas, Sergio de la Ossa e Ramon Pinheiro repectivamente) que impartirá a maioría das aulas ao longo do curso, aproximadamente, o 70% da carga lectiva de cada especialidade. O resto das horas lectivas estarán adicadas aos seminarios específicos atendidos polos especialistas arriba mencionados, deixando horas de libre designación para outro tipo de actividades ou convidados especiais que estean na órbita de outras actividades de aCentral Folque.

No segundo curso, os estudantes terán o 95% da carga lectiva en aulas prácticas sobre estas estéticas a e formas patrimoniais galegas:

  • Música Tradicional e Folque: Pablo Pérez Sanmamed
  • Música Popular Urbana: Alejandro Vargas
  • Músicas Contemporáneas: Xavier María López

Estas áreas están dirixidas polos seus reponsábeis (Óscar Fdez, Alejandro Vargas e Xavier María López). O fundamento pedagóxico neste segundo ano é a práctica instrumental, así coma horas adicadas a sesións de gravación, sonorización e acústica, posta en escea, dereitos autorais, lexislación e administración, comunicación, etc comúns a calquera área.

Cantas horas de clase se imparten?

No primeiro curso deste novo itinerario, cada semana impartiranse dúas hora de cada unha das materias arriba indicadas, en total son catro horas semanais concentradas nunha sesión (sábado pola mañá)

No segundo curso serán dúas horas semanais de práctica instrumental en combos mais aulas e horas específicas para contidos sobre lexislación, administración, laboral, gravación e sonorización.

Que titulación ou convalidación ofrece?

aCentral Folque acredita no sistema de pedagoxía libre, solvente e seria impartida por persoas que activamente e con paixón día a día amosan unha actividade rigorosa e centrada nos aspectos que oferta a Escola de Música Popular e Avanzada. É por iso que o claustro permanente escolle a docentes que impartan aqueles coñecementos que sexan de interese e aproveito para o estudante da EMPA e sexa moi flexíbel, permeábel e adaptábel aos cambios que a sociedade contemporánea define.

aCentral Folque non expide ningún título homologábel por institucións académicas estatais ou internacionais, se ben pode emitir diplomas de asistencia ás persoas que así o soliciten.

O único interese d’aCentral Folque é formar músicos e ofrecer unha educación especializada e única en Galicia que conecte con outros países onde este tipo de organizacións existen desde hai décadas.

Aínda teño dúbidas, como podo saber máis?

Escribe ao mail matricula@folque.com ou chama ao teléfono +34 698 144 852

Comments are closed