Entrevista a Ugia Pedreira

ugiaTranscribimos unha entrevista feita por Carlos Crespo a Ugia Pedreira para a sección de Lecer e Cultura do xornal La Voz de Galicia aparecido o 16 de maio de 2014. Podes ler a versión dixital aquí. Interesantes reflexións e personais ideas nunha conversa aberta e sinceira onde se fala do pasado, presente e futuro dunha das voces e personalidades máis características da música popular actual na Galiza.


 

Durante vinte anos a vida de Ugía Pedreira xirou en torno á música. Desde múltiples vertentes e facetas. Como solista, como ideóloga de moi dispares proxectos, como directora -con só 27 anos- do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, como impulsora dese vangardista centro de estudos da tradición que é aCentral Folque, como compoñente de Nordestinas ou de Marful… Pero sempre coa música como eixo vertebrador. Dende hai doce meses a vida de Ugía Pedreira xira en torno á súa filla, Lúa, afectada por unha parálise cerebral.
A artista anuncia que tralo verán retirarase dos escenarios sen pensar unha data de volta.

-¿Por qué toma agora esta decisión?

-Se te dedicas ao mundo da arte chega un momento no que lle tes que facer caso ao corpo, e o corpo dime que xa din moito nos escenarios e agora mesmo non vexo por que teño que subir a un palco. A situación que eu vivín neste último ano ensinoume moitísimo e obrígame a ter un nivel de esixencia brutal a nivel mental e corporal para entrar no mundo de Lúa e tentar traela a este. Eu levo anos dicindo que música é saúde. Pois é aí a onde a teño que aplicar agora mesmo. Porque se Lúa fixo moitas cousas que non lle corresponderían pola súa enfermidade foi grazas a música. É a música o que a fai estar tan viva. E iso é o que realmente me interesa, seguir compoñendo pola inspiración que me da ela e seguir estudando e escribindo.

-¿Iso é de todo incompatible con seguir na escena musical?

-Teño que dividir a enerxía. Non lla podo aplicar a todo. Entón voume centrar neste camiño que se me abre de investigación cara a Lúa, que absorbe música todos os días. E, por certo, non lle vai calquera. Unhas lle serven para unhas cousas e outras lle serven para outras. Creo que con iso teño investigación e música para rato.

-¿En que consiste o método que están a seguir?

-Trátase de neuromovemento. Seguimos a liña de Anat Baniel, alumna directa de Feldenkrais, a través de Juan Carlos Concha. É un método que esixe moito tempo e dedicación. Dende logo, se as unidades neonatais tiveran máis en consideración o micromovemento e a música gañaríamos en saúde todos. Creo que a revolución real que aínda está por facer é aunar a medicina tradicional e as alternativas, pero isto aínda non convén.

-¿Que supón hoxe para vostede subir a un escenario?

-É un peso demasiado grande. Porque levo moitas cousas enriba. Eu levo nisto da música dende os 25 anos. E non só na parte compositiva e creativa senón tamén na executiva, de produción, de idear proxectos… De todo o que ten que ver co oficio. E non, agora mesmo non me enche.

-¿Como van ser os concertos que lle quedan?

-Agardo que moi lindos. Teño un con Sés en Burela, un ou dous con Marful e outro soa en Allariz que me apetecía moitísimo facelo e que é o que me pon as pilas.

-Aparte da súa situación persoal, ¿ten algo que ver na súa decisión o estado no que se atopa a industria musical neste país?

-Claro, é que eu tamén sinto un cansazo colectivo. Pero fundamentalmente eu estou pensando en min. Ao longo da miña traxectoria musical andei en moitos círculos, andei en moitas cousas. Pero o que agora necesito é volver a encherme e necesito facelo dunha maneira saudable. A música para min está collendo outra dimensión que ten moito máis que ver coa saúde que co escenario.

-¿Síntese ou sentiuse decepcionada nalgunha ocasión?

-Neste oficio é dificilísimo non sentilo. Moitas veces a xente pensa que chegas, sobes ao escenario e todo é felicidade. Pero se realmente coñeceran o que hai detrás entenderíanse moitas cousas. Por suposto que hai desilusións, traizóns e envexas. Pero todo o contrario tamén. En calquera caso, non tiveron nada que ver coa miña decisión.

-¿Esas traizóns das que fala chegáronlle dende dentro da profesión?

-Si, si, eu vivín todo iso dende dentro da profesión… É que eu vivín moi dentro da miña profesión. Si.

-¿E traizóns políticas?

-Pero é que políticos somos todos. Eu son a primeira que considero que fago política.

-¿Que vai pasar co proxecto de Marful?

-Tomarémonos un descanso. Marful é unha familia. E entenden que hai que tomarse este descanso.

-¿E con aCentral Folque?

-Ui! aCentral ten moita xente detrás. Eu pode que fora a persoa máis visible, pero hai alumnos, hai profesorado… Hai xente moi potente porque sementamos moitísimo. É certo que o equipo mermou por cuestións económicas, pero as ideas aí seguen. E hai xente moi capacitada para desenvolvelas. aCentral deu moitísimas concepcións vangardistas para que outros as seguiran. Foi e é un viveiro. E iso vai seguir. Comigo ou sen min. Eu non teño ningún problema egocentrista ao respecto. E se aCentral non pode seguir sen min é que eu algo fixen mal. En calquera caso eu vou a estar dende A Mariña de Lugo axudándolles no que poida.

-¿É á Mariña a onde se pensa retirar?

-Non sei se retirar (rise) pero si que é onde penso descansar. Alí foi onde me criei e onde teño a casa familiar.

-¿Botará de menos viaxar?

-Seguiremos facendo viaxes a Bretaña, que é de onde é o pai de Lúa. E despois a onde ela nos leve. Ela é o noso oráculo particular.

-¿Este afastamento da escena musical vai implicar tamén, por exemplo, deixar de seguir ao día o que está pasando no mundo da cultura galega?

-Ultimamente xa me interesaba bastante menos o que está pasando no mundo da cultura. Porque mira, cultura somos todos. A miña veciña dame unha vida cultural interesantísima nas conversacións [rise]. Digamos que eu agora estoume interesando máis por conversas de alto risco e alto nivel. Veñan de onde veñan.

-¿Da medo enfrontarse a esta nova etapa?

-¿Medo?… Eu vivo no pánico. Eu vexo a músicos compañeiros meus que van a velocidade de cruceiro. Eu non. Eu son alpinista. Xa dende hai tempo. E agora moito máis. Eu coñezo o medo e o pánico. E ás veces danme a man e me protexen e outras me traizoan.

-¿Aínda hai lugar para o optimismo?

-Na miña vida sempre fun vendo que aínda que sexa con dor e sufrimento, o que teña que ser, será. Nada podes controlar, aínda que penses que si. Eu tiven que aprender a vivir día a día e a coller as cousas como veñen, vivas na situación que vivas. E ao final dáste conta de que non somos máis que unha bomba de emocións envolta nun corpo.

-Supoño que agora vai a escoitar mil veces que se foi un referente. ¿Que pensará entón?

-Eu non teño moita visión de min mesma, do que a xente ve en min. Aí pérdome. Ando bastante pola lúa e polas nubes. Pero si que fun, e vou seguir sendo, moi feliz cando alguén me diga que a miña música lle funcionou para isto ou para o outro. Que lle fixo ben para algo. Pero neste momento vexo que non me fan falta os aplausos entendidos como un abrazo sonoro. E isto non é un tema de soberbia. Se puiden axudar en algo cos oito discos feitos, pois xenial.

-De todos ese ámbitos, de todas esas facetas nas que se involucrou en todos estes anos, ¿de cal se sinte especialmente satisfeita?

-Eu me sinto súper, súper satisfeita dos anos vividos en Lalín, no Conservatorio de Música Tradicional e Folque. Emociónome só de pensalo. Foi unha explosión de boa música, de improvisación… Foron oito anos espectaculares. De alí saíu xente que aí segue, no mundo da produción e da composición musical. E eu, como boa mamá, considéroos os meus fillos. Eu en Lalín deixei mogollón de teta.

-¿Qué sinte que lle queda por facer no terreo da música?

-Quédanme por facer máis cancións. Dicía Fernando Pessoa que a verdadeira música é a que fica eternamente sen tocar. ¿O formato? Dáme igual. Pero para poder ofrecer boas cancións, que volvan a sanar, hai que parar, sentarse e reflexionar.

-¿Hai algunha razón que puidera facerlle reconsiderar a súa decisión de tomarse este descanso?

-Agora mesmo ningunha. Neste momento o único que estou desexando é que se acabe o verán e pasar a outra etapa. E logo xa se verá. Ao mellor dentro dun tempo sinto a necesidade de facer un disco importante polo tema que sexa. Pero agora mesmo é imposible que reconsidere a miña decisión. O que quero é irme para A Mariña e entrar noutra dimensión.

-Dicía Mercedes Sosa aquilo de «si se calla el cantor se calla la vida»…

-Hai moitas formas de falar e non todas teñen por que pasar polo palco. Agora mesmo hai un grupo de xente nova que está facendo unhas cousas marabillosas no país e que teñen moitas cousas que dicir. E mira, eu o das momias nunca o levei moi ben. Eu nunca crin nas cousas para toda a vida. E este descanso en realidade é unha rexeneración. E voume rexenerar grazas a ese diamante que se chama Lúa.


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario