
© Deseño Pablo Giralde, O Pastor. Aluno: Martiño Souto
Neste curso 2020-2021, a escola que xestiona aCentral Folque, está de XX aniversario. Centos de alunos e alunas que teñen pasado polas nosas aulas, ducias de actividades paralelas aos cursos regulares, monográficos, combos, concertos, vivenzas, convivios, vivenzas, formas de vida, lembranzas, amizades, amores, enharmonías, encontros e desencontros… son experiencias que cada unha das persoas que teñen pasado por este centro levan consigo; alunado e mestres que adican o seu tempo a partillar a maxia da música na comunidade dun palco ou na soedade da sala de estudo. Vinte anos nos contemplan e procuraremos seguir ofrecendo a posibilidade de aprender música doutro xeito. Incluso nestes tempos incertos, seguimos dano a posibilidade dun ensino individualizado e próximo. E así seguirá sendo.
O curso comeza a semana próxima e aínda hai algunhas vagas por cubrir nalgunhas especialidades. Podes ver toda a información e condicións no espazo web da escola: https://www.folque.com/01.140415wp/ensino/escola-musica-popular-avanzada/
Esta iniciativa está financiada grazas aos apoios da Deputación de Coruña -Cultura- e o Concello de Santiago de Compostela -Acción Cultural-.
Breve HISTORIA
A historia d’aCentral Folque é unha historia de loita pola divulgación da música popular galega e pola mellora da súa situación no contexto contemporáneo.
A súa semente remóntase ó Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Fundado no ano 2000, o CMFT rematou consolidándose como centro de referencia nacional e internacional atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza na Galiza. Supuxo un espazo pioneiro na renovación pedagóxica das prácticas musicais derivadas das músicas galegas de transmisión oral. O resultado foi unha nova canteira de intérpretes cualificados, coñecedores do ámbito profesional e abertos a experimentación e á creatividade tendo como punto de partida a música galega.
No ano 2008, o proxecto educativo traslada a súa sede a Santiago de Compostela, xa como aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. A ilusionante proposta, que tivo como sede a Escola de Altos Estudos Musicais, centrouse fundamentalmente na elaboración dun proxecto curricular para a música popular galega homologábel ás titulacións oficiais regradas do ámbito europeo. O obxectivo prioritario era fornecer contidos e coñecemento no alumnado para unha saída profesional. A traxectoria desde centro viuse abruptamente truncada pola perda de apoios económicos institucionais. Estas circunstancias motivaron que no curso 2009 até o 2014 a escola tivese unha nova formulación adaptándose ás necesidades específicas dunha formación aberta para todos os públicos da comarca de Compostela.
En 2015 ábrese un novo contexto e o proxecto dótase de novos horizontes. Este novo contexto nos leva a reformular novamente o proxecto recollendo toda a experiencia acumulada polo equipo técnico, artístico e docente, nos últimos quince anos, e dotándoo dunha nova e completa oferta educativa baixo o nome xenérico de aCentral Folque, Escola de Músicas Populares e Avanzadas.
No ano 2018, reducimos a nomenclatura para axeitala a como se nos coñece habitualmente: Escola de Música d’aCentral Folque
ANIMO ,,,A POR OUTROS 20 ANOS!!!!!!