Estréase en Baiona o espectáculo “Os contos de Joselín”, un espectáculo de aCentral Folque con Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez “Guti”. Sábado 12 de xullo ás 23h na Praza do Concello de Baiona. Este espectáculo nace do libro “Os contos de Joselín, primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)”, presentado hai uns meses e do que fican xa moi poucos exemplares á venda.
Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez, ‘Guti’, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incríbeis figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX.
Joselín foi un home versátil e contraditorio: admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, supervendas discográfico en Galiza e España, e incluso en Argentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición de aCentral Folque dos seus 23 contos gravados.
Para levalo á escena, Cadaval, Celso e Guti funden con enorme habilidade as súas historias, e dan renda solta á súa capacidade de improvisación para dar forma a un espectáculo no que os tres evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que se achegan a temas de actualidade establecendo, en colaboración co público, un circuíto de información alternativo.
No teatro contemporáneo son moitos os exemplos do aproveitamento das técnicas de narración e improvisación teatral herdadas da cultura popular mas é sobre todo no mundo dos narradores orais onde esa tradición se manifesta hoxe en día en todo o seu explendor.
Neste espectáculo d’Os Contos de Joselín recupérase esa tradición e ofréceselle ao público actual, acompañada dunha proxección de imaxes históricas de Joselín, e da oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.
Baiona será a vila na que este espectáculo comece a súa andaina. Non podía ser doutra maneira dado que Joselín, nas súas múltiples facetas, foi alcalde de Baiona, vila na que o seu nome aínda resoa con forza e agarimo.
Quico Cadaval
Actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou na interpretación teatral a fins dos setenta no Centro Dramático Galego, para, a mediados dos oitenta, fundar a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes. Continúa a traballar no audiovisual como actor e como guionista. Foi profesor de interpretación de “Operação Triunfo” (Portugal, 2003).
Celso F. Sanmartín
Contador de contos e historias de tradición oral. El é o continuador do movemento xurdido en Galiza nos anos noventa mais, malia a súa mocidade, os seus contos enraízan coa terra e coa tradición oral da súa comarca do Deza natal dunha maneira orixinal que fai del un referente neste estilo. Celso, ademais de pola súa xenuinidade como contador, tamén destaca por ser dos poucos en Galiza que posta polo conto como profesión dunha maneira máis decidida.
José Luis Gutiérrez “Guti”
GUTI é gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias. Chegou ao conto como parte dun traballo máis amplo adicado á etnografía, o que lle fai ofrecer un espectáculo no que ofrece o aprendido en amplos seráns a caron das lareiras do rural de Zamora, León e Salamanca. Os seus contos gardan pois o carácter dialectal destas narracións orais, sen os artificios dun mundo sen tele nin radio. O conto transmite toda a orixinalidade dun fogar encendido ou unha portalada dunha casa de verán a un escenario e ante un público que, en moitos casos, perdeu xa o seu referente rural. Guti tenta, dalgunha maneira, restablecer esa cadea de comunicación-transmisión de cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio, nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor.
Pódese consultar máis información e a axenda completa de funcións en: http://artistas.folque.org/os-contos-de-joselin/