Estrea de Sons do Mercado

sons_do_mercadoEste vindeiro martes 3 de maio ás 20.30 h. no Teatro Principal de Santiago estrearase ao público o documental Sons do Mercado así coma o programa que o enmarca de Efecto Proximidade. O evento contará coa proxección da película no que ademais se manterá unha conversa con Marcos Nine, director da película e Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo.

“Sons do Mercado” é un documental dirixido por Marcos Nine (A Illa, 1977) comisionado por aCentral Folque. Unha ollada deste realizador sobre o mercado de Salgueiriños que cada xoves monta neste barrio compostelán. A encarga enmárcase dentro do programa “Efecto Proximidade” que aCentral Folque desenvolve para o Concello de Santiago de Compostela arredor dos mercado e feiras da cidade para pór en valor e dinamizar este espazo social e económico de encontro veciñal e venda.

Sons do Mercado é un ollar persoal ao mercado de Salgueiriños de Marcos Nine, novo director, guionista e procuctor galego con varias curtas documentais e longametraxes (Premio Mestre Mateo á mellor montaxe no 2014 por “A viaxe de Leslie”; á mellor obra experimental en 2007 por “Aaron” e á mellor curta documental no 2011 por “Manuscritos Pompeanos”). Ademais conta coa banda sonora orixinal de Alejandro Vargas.

Breve bio de Marcos Nine

Marcos Nine Búa, nado na Illa de Arousa en 1977, é un director de cine, produtor e guionista galego.

Colaborou coma guionista en series da Galega coma Terra de Miranda e Mareas vivas, e coma director iniciou a súa carreira coa curtametraxe Carcamáns (2003), sobre a traxedia do Prestige na Illa de Arousa. Seguiríalle o documental Pensando en Soledad (2006) sobre José Ernesto Díaz-Noriega, pioneiro da cinematografía en Galicia, que conta cunha versión abreviada, J.E.D.N. José Ernesto Díaz-Noriega (2006).

Co documental Historia dunha parroquia (2007), na que retrata a vida do Val de Xestoso (Monfero) a través da súa veciñanza, acadou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental. A Fábrica (2008) gañou o segundo premio do Festival de Curtametraxes Galegas de Sada e foi recoñecida como mellor curtametraxe documental no 5º Festival de Cine Internacional on&off de Ribadeo. Nese mesmo ano gañou o Mestre Mateo ao mellor guión pola serie As leis de Celavella.

Aarón (2009) gañou o Premio Mestre Mateo á mellor obra experimental, e o premio á mellor curtametraxe documental na IV edición de Curtas na Rede. Manuscritos Pompeanos (2010) recibiu o Mestre Mateo nesa mesma categoría o ano seguinte (2011). Nese mesmo ano, con Radiografía dun autor de tebeos, sobre o traballo do autor de banda deseñada galego David Rubín, gañou tamén o Mestre Mateo ao Mellor Documental.

Outras obras da súa autoría son as longas O Premio da Rubia (2008) e La Brecha (2011), así como a curta O Sol nos Chaos (2010)

Tamén foi guionista e montador da longa Piedad (2012) de Otto Roca, e codirector da curta Losada (2011).

Actualmente está a gravar o documental Na procura da besta, en que varios debuxantes de banda deseñada dan conta das súas experiencias no xénero, e A Viaxe de Leslie, sobre a morte do actor británico Leslie Howard durante a Segunda Guerra Mundial fronte a costa de Cedeira.


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario