“Vindel: Ulobit+. Variacións sobre o Pergamiño Vindel” é un espectáculo único e especial que o trio de Ariel Ninas (zanfona electroacústica), Horacio González (vídeo) e Xoán-Xil López (electrónica) presentan este venres 2 de febreiro co seu grupo Ulobit sobre o Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia en Vigo. Será un concerto irrepetíbel con estéticas contemporáneas e experimentais arredor das sete cantigas de Martín Códax que mistura audiovisual, música, danza e voz.. A montaxe final do espectáculo ten lugar esta semana na sala do museo onde terá lugar o concerto en formato de residencia artística do trio con convidados especiais: Lucía MArtínez (percusións), Alba María (voz), Anxela Blanco (danza), Fernando Abreu (clarinete).
Os billetes son de balde e poden reservarse no teléfono do Museo do Mar (986 24 77 50). Ao final do concerto haberá unha degustación do viño “Vindel”, caldo de produción exclusiva e escasa.
A proposta é unha residencia artística multidisciplinar para a re-composición musical das sete cantigas de Martín Códax contidas no Pergamiño Vindel co gallo da súa exhibición pública no Museo do Mar de Galicia en Vigo. O resultado desta residencia, dirixida polo trio Ulobit, ten forma dun concerto nunha sala do Museo onde se amosará unha mistura de artes vivas encol da música, canción, danza e vídeo. Os artistas convidados para completar o elenco son a bailarina Anxela Blanco, a cantante Alba María, a percusionista Lucía Martínez e o clarinetista Fernando Abreu.
O obxetivo é ofrecer unha visión contemporánea de vangarda sobre o Pergamiño Vindel e o seu contido arredor do concepto do “canto de espera decepcionada”, xénero frecuente tratado polas literaturas occidentais -e a lírica galega en particular. Este será un traballo multidisciplinar en forma de residencia artística entre intérpretes de diferentes manifestacións para amosar prácticas contemporáneas sobre un tema común e universal descrito nas cantias de amigo.
O Pergamiño Vindel está exposto ao público galego durante uns meses en Vigo por primeira vez desde que foi descuberto no 1914 en Madrid polo libreiro Pedro Vindel e revelado polo filólogo redondelán Vítor Said Armesto. A oportunidade de ter perto de nós este xoia bibliográfica é unha razón poderosa para o grupo Ulobit facer a dúa interpretación persoal. Ulobit leva traballando sobre memoria e patrimonio inmaterial desde o seu nacemento como proxecto artístico en grupo e individualmente polos seus integrantes (membros de colectivos coma Escoitar.org ou aCentral Folque)
Este concerto está patrocinado pola Secretaría de Cultura da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e producido por SinsalAudio, Ulobit e aCentral Folque.
Links: