Cinema: Arredor da roda

Data
10/07/2022 _ 19:30 h

Lugar
Auditorio de Rianxo

Prezo: de balde

Categoría


Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella” é o título dun filme documental sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros que en Galiza volveu tocar nos palcos e nos disco nos que traballou desde os anos setenta. Esta proxección será a estrea desta produción, promovida ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-22 da Xunta de Galicia. O filme está producido pola A.C Cántigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo

Sinopse:

A aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos aventaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na búsqueda do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria.
Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.

Ficha técnica:

  • Xénero: Longametraxe documental
  • Duración: 59′
  • Produtora: A. C. Cántigas da Terra
  • Produtor executivo: Moncho Iglesias
  • Dirección e guión: Federico A. Rioboo
  • Director de fotografía: Óscar Górriz
  • Xefe de son: Miguel Seixo
  • Director musical: Luís Bolón
  • Elenco: Miro Casabella, Manuel Rioboo, Erea Estévez, Coro Galego Cántigas da Terra, Escolas da Terra
  • Banda Sonora Orixinal: Miro Casabella, Gutier Álvarez, Iván Abal e Cántigas da Terra.

Sobre Cántigas da Terra:

O Coro Galego Cántigas da Terra é unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve ininterrompidamente a súa actividade desde 1916 na cidade da Coruña. A histórica e centenaria institución nace nun contexto galeguista, no mesmo ano en que se fundan as Irmandades da Fala. Nese rebulir de emoción e creatividade, produto do amor pola Terra, xorde ese Coro que fai xermolar o canto, o baile, o teatro, a poesía, a pintura… trátase dunha proposta que implica a case que todas as disciplinas culturais nun momento clave: os albores da globalización, nos que xa se albiscan síntomas de esquecemento e menosprezo cara o propio.

A traxectoria do Coro Galego é moi ampla e fecunda canto a relacións culturais, fitos históricos e presenza do País e en diversas partes do mundo. Entre os logros máis significados destaca o recoñecemento de Galicia como nación celta dentro do II Congreso do Mundo Celta (Bretaña, 1954). A raíz deste nomeamento, o Coro foi o primeiro enbaixador galego no Festival de Lorient e ten representado á nosa Terra en numerosas ocasións.

Na entidade tomaron parte persoeiros como Antón Vilar Ponte, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, Leandro Carré, Ángel del Castillo, González Villar, Manuel Abelenda, Pita Romero ou Xerardo Roque. Cántigas da Terra conta cun arquivo que cada ano recibe ducias de achegas e proporciona materia de estudo a investigadoras ademais de dixitalizar e catalogar o propio material, colaborar en xornadas e conferencias… No seu fondo documental pódense atopar coleccións de partituras dos directores e doutros autores destacados como Adalid, Montes… Obras de teatro das prumas máis sinaladas como Lugrís Freire, Vilar Ponte, Díaz Baliño… Tamén punteiros con máis de 100 anos de vida ou dúas zanfonas históricas pertencentes a Perfecto Feijoo e a Saturnino Cuíñas respectivamente. Na actualidade o arquivo está dirixido por Moncho do Orzán.

Paralelamente a súa actividade artística, a entidade crea Escolas da Terra, proxecto educativo creado para a divulgación e difusión da cultura tradicional galega apostando por unha ensinanza que integra o legado cultural galego e os xeitos tradicionais de aprendizaxe coas técnicas de ensinanza máis innovadoras, unha oferta educativa ampla e diversificada que pretende proporcionar ao alumnado unha formación completa no eido artístico.

Sobre Miro Casabella:

El é un músico vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes e máis adiante ao grupo de folk DOA. O seu debut musical aconteceu no ano 1967 en Barelona, acompañando a cantantes da Nova Cançó Catalá. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta. O seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela.

A finais do ano 1974 o grupo Voces Ceibes decidiu finalizar o seu proxecto e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega. Nos anos seguintes, Miro participou en multitude de concertos e festivais, en Galiza e en toda a Península Ibérica, ademais de colaborar musicando pezas de teatro en galego e discos de historias para rapaces. En 1977 veu a luz o disco Ti, Galiza, Un ano máis tarde publicouse Treboada. Ambos os dous traballos amosan unha peculiar mestura entre a canción de intervención social e a música tradicional. A finais dos anos 70, Miro entrou en contacto co grupo folk DOA, e grava no primeiro traballo O son da estrela escura, 1979.

O último traballo individual do cantor foi o disco Orballo, do ano 2004, onde ademais de revisar algúns antigos temas, toca novamente a problemática social do pobo galego dende unha perspectiva contemporánea.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed