Cancioneiro Popular

Data
19/03/2022 _ 16:00 h

Lugar
Auditorio de Galicia

Prezo: 45 €

Categoría


Os vindeiros 19 e 26 de marzo de 2022 impartiremos o curso monográfico : “O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth” con Sergio de la Ossa. Dúas sesións intensivas cun total de 8 horas de duración para entender a magna investigación da etnomusicóloga Dorothé Schubarth e o lingüista Antón Santamarina, o traballo máis completo que se ten feito sobre o cantigueiro galego publicado a comezos dos anos 1980.

O monográfico terá lugar na Sala Circular do Auditorio de Galicia os sábados pola tarde de 16 a 20 horas para un grupo reducido de asistentes respetando os protocolos sanitarios vixentes.

Malia ser unha das fontes máis citadas no campo da investigación de música tradicional, o Cancioneiro Popular Galego (versión dixital dispoñíbel aquí) é unha obra en xeral pouco comprendida e usada. Este curso pretende dar claves para o uso desta obra imprescindible na descrición da música vocal de tradición oral en Galicia, a través da ordenación de información que aparece espallada nos seus distintos volumes e seccións; do exame detallado de exemplos propostos pola autora; da reformulación ou maior detalle na explicación de fenómenos musicais; e da comparación deste traballo con outros de características semellantes, pouco coñecidos en Galicia.

Detalles:

  • Lugar: Sala Circular do Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela
  • Datas: 19 e 26 de marzo de 2022
  • Horario: sábados de 16 a 20 h. 8 horas totais
  • Prezo: 45 €
  • Inscripción: enche o formulario de embaixo; recibirás un correo coas instrucción de matrícula.
  • + info: matricula@folque.com

 

Obxectivos:
—Acadar unha mellor comprensión do CPG e, por extensión, da música vocal de tradición oral en Galicia.
—Aprender a manexar o CPG e a buscar información dentro del.
—Comprender fenómenos propios das músicas tradicionais como a variación melódica e formal, a proxección ou transformación melódica, o libre intercambio de valores rítmicos longos e breves etc.
—Coñecer os xéneros que se definen por características musicais e comprender as súas definicións.
—Facilitar a lectura das partituras incluídas no CPG mediante exemplos prácticos: melodía principal e variantes rítmicas e melódicas; sincronización do ritmo do canto e da percusión etc.
—Comprender o sistema de ordenación de melodías e ser capaz de atopar melodías polas súas características (no vol. VII só e tamén en combinación con outros volumes).

Contidos:
—A estrutura dos volumes: apartados xerais, información dun volume que se completa noutro distinto.
—O sistema de escritura e as características da música. Armadura real vs armadura tonal. A escrita sen barra de compás; grupos de notas unidas por corchete; diferenza de acentuación entre canto e percusión etc.
—A notación das variantes.
—Lectura das táboas sinópticas.
—A descrición da música. Terminoloxía e conceptos relacionados.
—O sistema de clasificación musical, a ordenación das melodías. Comparación con outros exemplos europeos.

Notas biográficas de Sergio de la Ossa
Sergio de la Ossa (Madrid, 1978) é etnomusicólogo, mestre especialista en pedagoxía musical Kodály e guitarrista.

Entre 2007 e 2018 estivo a cargo do arquivo de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal,) e foi mestre de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, 2011-2015; 2020).

Mestre de Teoría e Análise en aCentral Folque, imparte regularmente cursos e conferencias sobre música tradicional e didáctica da música. Participou como ponente no WOMEX 2014 e na conferencia celebrada en homenaxe a Zoltán Kodály no Instituto de Musicoloxía da Academia de Ciencias Húngara en 2017 (Budapest).

Como autor, asina A Basic Guide to Folksong Analysis (Budapest: Liszt Academy of Music, 2019) e colabora en publicacións como Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983) (aCentral Folque, 2019; con J.L. Forneiro) ou Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCF, 2017; con Xavier Groba), entre outros títulos.

Mantén o blogue sobre música tradicional www.analisemusical.wordpress.com., visita indispensábel para todas as persoas que queiran coñecer máis e mellor o patrimonio musical de tradición oral.

 

Formulario de inscrición:

Recibirás un correo persoal (non automático, non inmediato) coa confirmación e as insdtruccións de pagamento; debes mirar na pasta do “spam” se non te chegase á pasta principal do teu correo electrónico.

Os dados enviados serán tratados confidencialmente segundo as normas da Lei Orgánica 3/2018 do 5 de decembro sobre a Protección de Dados Persoais e garantía dos dereitos dixitais.


 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed