Data
10/07/2017 _ 19:00 h
Lugar
Facultade de Filosofía
Prezo: de balde, grupo pechado
Categoría
“Cantos de cego. Literatura de cordel desde o Medievo até hoxe a través da zanfona” é un seminario que imparte Ariel Ninas para os cursos de galego para extranxeiros organizados polo ILG e a RAG “Galegos sen fronteiras”. A proposta d’aCentral Folque é é dar a coñecer a cultura músical galega ao alunado dun xeito accesível e participativo. Esta non é unha sesión aberta ao público, senón aos estudantes foráneos dos cursos de verán.
Este será un concerto didáctico sobre a organoloxía, iconografía, repertorio, tipos e usos dun dos instrumentos máis carismáticos e singulares de Europa que acompañaron a voz de xoglares medievais, o canto da literatura de cordel que espallaron os cegos e cegas por toda a Península até comezos do século XX. Con máis de dez séculos de historia e co mesmo principio mecánico desde entón, este “sintetizador medieval” continúa a ser un grande descoñecido para o público xeral. Esta sesión ofrece a oportunidade de descobrir este tesouro musical nun percorrido diacrónico desde os modelos esculpidos de organistrum, as miniaturas das sinfonías, as táboas dos mestres flamencos, a modernización da zanfona barroca, a “vielle à roue” na corte francesa, os enxendros de lyra organizatta ou zanfona órgano, os gravados dos folkoristas do Rexionalismo, as fotos dos últimos cegos mendicantes en Ucrania e Galicia, o revival do folk, a fascinación do drone e a electroacústica até a zanfona contemporánea.
A sesión céntrase no contexto europeo do instrumento atendendo a particularidade que tomou na Península Ibérica, así coma ao repertorio de músicas tradicionais en Galicia. A idea é ofrecer un recital dunha hora dun xeito ameno e variado intercalando imaxes, música, anécdotas e historia desta magnífica máquina musical.