Concerto Alba María

Data
11/06/2016 _ 20:00 h

Lugar
Casa da Navegación

Prezo: de balde

Categoría


Alba María e banda ofrecerán un concerto o vindeiro día sábado 11 de xuño nos Xardíns da Casa da Navegación de Baiona. ‘Cantos de preto e de lonxe’ é un ciclo de concertos e este será un recital coas cancións do primeiro disco desta novísima voz galega ‘Aínda’, arroupada por tres músicos de excepción: José Manuel Díaz ao baixo e dirección musical, Felipe Villar á guitarra e Carlos Freire á batería.

ALBA MARÍA naceu en 1995 nas Palmas de Gran Canaria. Até alí levou a familia o seu pai, daquela traballador dos asteleiros vigueses, e alí naceu e pasou os primeiros anos da súa infancia. A música canaria arrolouna nestes primeiros anos e aínda conserva ese legado, mais sería a súa avoa de Tuiriz (Lugo) a que a animou ao canto. Estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira. En 2013 comeza os seus estudos de canto na Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, e en 2014 preséntase e gaña o I Certame de Canción de Autor organizado polo Concello de Teo. A partir de aí a súa vida artística dá un xiro xa que o premio consiste na gravación dun disco e aCentral Folque ocúpase da súa edición. Aí comeza a xestación de “Aínda”, un disco que contou cos arranxos dos artistas cubanos afincados en Galiza, Alejandro Vargas e José Manuel Díaz, produtor musical do disco. O resto da sonoridade conséguea rodeándose un afamado elenco de músicos do folque e do jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez…

Malia a súa xuventude, a madurez da súa voz e a mestría das súas composicións convirten a “Aínda” nunha forte aposta discográfica que se presentou no Culturgal 2014 con chego total e que está de xira soprendendo e gustando tanto nas presentacións en teatros e auditorios como nos concertos ao aire libre. A finais de 2015 o disco esgota a súa primeira edición e xa vai pola segunda.

Desde entón pasaron dúcias de concertos e Alba María vaise asentando non só no eido da canción galega senón tamén no da improvisación, sendo unha das poucas voces femininas e unha das máis novas en entregarse á arte da regueifa, que practica e da que xa ofrece obradoiros.

No directo, “Aínda” sona a cuarteto, con Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería). Un cuarteto que leva a música galega ao máis alto coa saiba máis nova que se pode atopar neste momento na escena musical galega. En ocasións, o directo pode contar coa colaboración especial dalgún dos músicos que participou na gravación do disco.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed