Concerto ZdZ’20: sábado

Data
04/07/2020 _ 22:30 h

Lugar
Auditorio de Rianxo

Prezo: de balde (previa reserva)

Categoría


Segundo concerto do XVI Encontro Internacional Zona da Zanfona 2020 no sábado 3 de xullo. Dous proxectos galegos con espazo para que a zanfona desenvolva os roles que no pasado acompañaron a quen a tocaba. Por unha banda os cantos narrativos acompañados instrumentalmente; pola outra as representacións de monicreques con música ao vivo. Entre outros repertorios os cegos desenvolveron estes desde o século XV até principios do XX na Península Ibérica e abondosa documentación así o testemuña. Para os cantos narrativos de orixe medieval teremos ao trío é Romance, con Alba María, Queco Díaz e Uxía Muiño cunha actualización do Romanceiro ibérico tradicional con guitarra eléctrica e zanfona. Para rememorar esas actuacións nas feiras cos títeres teremos ao dúo de Alberto Millán e José Nebra Os Monifates.

Os concertos son de balde con prazas limitadas e é preciso enviar un mail para reservar cadeira.

Información práctica esencial:

  • O aforo será limitado e as medidas sanitarias e de distancia física para persoas segundo as normas estabelecidas
  • Debes enviar un correo electrónico coa seguinte información: nome, enderezo electróncio, teléfono de contacto e número de persoas e se son de convivencia habitual
  • A reserva das entradas é para persoas individuais ou grupo de convivintes (máximo 5 persoas)
  • Enderezo electrónico: auditorio@concelloderianxo.gal
  • Teléfono alternativo: +34 664 183 217

Sobre Os Monifates

Un peculiar carromato tirado por dous músicos ambulantes que percorren vilas e pobos cunha importante misión, a de mostrar a rica e variada música e instrumentación da cultura galega, nun formato distinto e orixinal. Nas súas viaxes fóronse sumando os máis diversos e peculiares bailaríns (títeres). Integrando así música e marionetas nun espectáculo pensado para toda a familia, maravillándonos coas historias dos seus personaxes.

Esta singular troupe, formada por Bartolo o pandereteiro, o Porco Antón, Xaquín e Maruxa, Saturno e Leonor, o Galo Farruco e Os Barbanzóns, pon o baile nun improvisado escenario para disfrute e divertimento do público asistente. O eixe central está formado por gaita tradicional, bombo e zanfona, intercalando entre as melodías outros artiluxios coma o pínfano, punteiros, gaita tumbal do século XIX, gaita de dobre punteiro e diversa instrumentación de percusión coma culleres, castañolas de peito, táboa de lavar, etc.

En definitiva, Os Monifates completan un espectáculo de animación versátil, en formato acústico. Non precisan equipo de son nen palco e están encamiñados a animar calqueira tipo de evento no que gusten de escoitar un pouco de música tradicional nun formato orixinal.

  • Alberto Millán: gaitas, percusións, monicreques
  • José Nebra: zanfona, percusións, monicreques

Sobre é Romance

© Eutropio Rodríguez

O romance, poema de carácter narrativo, é o representante ibérico da balada europea. O trio é-Romance, formado por Uxía Muiños (zanfona), Alba María (voz) e Queco Díaz (guitarra eléctrica), procura a actualización dos romances tradicionais Ibéricos, mesturados con romances do século XIX, composicións propias e temas improvisados, dando lugar a un espectáculo cambiante, onde o público ten un grande peso á hora de definir as temáticas e vieiros. Cunha dose de teatralidade, é-Romance trasládanos a unha órbita única, onde a historia, a melodía e o canto só existen nun aquí e nun agora que une tradición con modernidade.

Alba María. Cantora, filóloga e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014).

Queco Díaz. Pedagogo e músico. Desde a adolescencia comeza a participar en proxectos de rock e blues en Vigo, onde destaca na calidade de membro fundador de grupos como Dr. Bourbon ou The Ramblin’ Kids. Actualmente traballa no proxecto Touciño Blues, baseado no blues 100% en galego.

Uxía Muíño. Zanfonista que comezou aos 11 anos a súa formación no Padroado da Cultura de Narón e na Escola de Música de aCentral Folque, á vez que aprendía a tocar gaita, percusión e cantar desde o ano 2005. Fai parte do grupo Zoadeira de Valdoviño

  • Alba María: voz
  • Queco Díaz: guitarra eléctrica
  • Uxía Muíño: zanfona

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed