Concerto ZdZ’22: venres

Data
08/07/2022 _ 21:00 h

Lugar
Auditorio de Rianxo

Prezo: de balde

Categoría


Concerto especial para conmemorar os dezaoito anos de existencia do festival ZdZ. Desta volta co espectáculo “Arredor da roda” creado sobre o universo deste instrumento por un dos coros históricos da Galiza: Cántigas da Terra d’A Coruña cun feixe de solistas convidados que interpretarán pezas escollidas para este recital. O cocnerto terá lugar no Auditorio de Rianxo ás 21 horas o vindeiro venres 8 de xullo. A entrada será libre até completar aforo.

Un dos principais obxectivos que ten Cántigas da Terra é contribuír ao coñecemento e divulgación dos nosos instrumentos tradicionais. O papel da zanfona, neste sentido, é fundamental tanto no que respecta ao folclore galego en xeral, como en particular á propia de Cántigas da Terra. O vencello que Cántigas ten coa zanfona é moi importante: no arquivo da entidade custódianse dous instrumentos moi valiosos: unha zanfona de Perfecto Feijoo e outra de Saturnino Cuíñas, folcloristas fundamentais na Historia da música galega.

O espectáculo é conducido polo cadro de Teatro de Cántigas da Terra que, ademais, interpreta Fala a zanfona, un fantástico poema que resume a historia deste instrumento detalladamente. Foi aprendido do libro escrito por Faustino Santalices, outro dos grandes pioneiros e mestre do instrumento. Santalices, natural de Bande foi quen de recuperar e gravar melodías que xa forman parte do ADN cultural galego. Unha delas, o Canto de Cego, será interpretado Luis Correa “Caruncho”, o seu xeito de tocar a zanfona fai que sexa un compendio de enxebreza e naturalidade. Luis, ademais do canto, tamén deleitará cun poema de Rosalía de Castro musicalizado por el mesmo e coa Foliada de Pontevedra que canta o Coro.

No espectáculo participarán tamén Gutier Álvarez e Iván Abal. Son músicos pertencentes ás últimas xeracións de profesionais da zanfona. Asisten con frecuencia a numerosos cursos cos grandes intérpretes e mestres do instrumento da escena mundial, o que lles permite achegarse á técnica máis contemporánea. Con obras da súa propia autoría, conseguen que o público se achegue á versión da zanfona máis actual, primando os novos recursos e sonoridades contemporáneas. Aliás, tamén interpretarán obras do Arquivo de Cántigas da Terra acompalando ao Coro.

Óscar Fernández é un dos nomes propios da zanfona en Galicia que non podia faltar no espectáculo. A súa visión da zanfona e das músicas populares complementa o espectáculo.

O outro convidado é Miro Casabella, mestre e músico pioneiro na interpretación da zanfona nos anos setenta. Reinterpretará unha Cantiga de Martín Codax que, na voz e na zanfona de Miro, recobran vida dun xeito excepcional. Cabe destacar de Miro Casabella a súa implicación e compromiso con Escolas da Terra, proxecto educativo de Cántigas da Terra onde o trovador do Valadouro vén formando a novo alumnado.

Arredor da Roda reune a varios especialistas da zanfona con cadansúa visión do instrumento e o Coro Galego Cántigas da Terra. A través do espectáculo, o público pode valorar a versatilidade, e as posibilidades sonoras da zanfona.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed