Concerto ZdZ23: sábado

Data
01/07/2023 _ 21:30 h

Lugar
Praza Rafael Dieste

Prezo: de balde

Categoría


Segundo concerto do XIX Encontro Internacional Zona da Zanfona 2023 no sábado 1 de xullo na praza Rafael Dieste de Rianxo. Dous proxectos nacionais moi diferentes con propostas a partir da música galega contemporánea e tradicional coa zanfona e a gaita-de-fole coma protagonista. Cantometrics presentará o seu traballo homónimo, a súa particular ollada sobre a música gravada por Alan Lomax no 1952 na Galiza. Iván Abal & David Bellas presentarán ‘Retrotopía’, un programa feito especialmente a petición de aCentral Folque con composicións e adaptacións de músicas medievais. Os concertos son de balde no palco da xeitosa praza de Rafael Dieste en Rianxo a partir das 21.30 horas. A entrada é libre.

Iván Abal & David Bellas presentarán ‘Retrotopía’, un programa feito especialmente a petición de aCentral Folque para o ciclo Bordóns o pasado outono de 2022 con dúas partes, unha con composicións propias para gaita e zanfona desde a perspectiva da música académica de vangarda e outra sobre interpretación de músicas medievais.

  • David Bellas: gaita-de-fole e composicións
  • Iván Abal: zanfona

David Bellas é titulado Superior en Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Titulado Profesional en Gaita Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Está detrás proxectos seminais da música para gaita contemporánea como Chupacabras ou Ensemble Matamá.

Iván Abal é titulado Superior en Piano, Solfexo,  Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Historia e Ciencias da Música e mestrado en Arte Dramática pola Un de Vigo. Impartiu docencia nos principais conservatorios galegos e actualmente exerce a docencia no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ten tocado con Son de Seu, Obal ou MetalXis.

Cantometrics

  • Marina Fernández Vigo: gaita
  • Nébeda Piñeiro Barros: voz, pandereta
  • Luís Sánchez Bolón: zanfona
  • Sandra Pérez Míguez: marimba, percusión

O arquivo de Alan Lomax é unha inesgotable fonte de melodías de gran parte do planeta no que Galicia ten un posto destacado. Acompañado de Jeanette Bell, o musicólogo percorreu o país gravando melodías, permitindo que hoxe en día coñezamos músicas que doutro xeito terían desaparecido. Son estes sons, gravados nos anos cincuenta, os que Cantometrics recolle e transforma empregando acordeón, marimba, percusións, zanfona, gaita e voz.

Cantometrics quere dar homenaxe a este traballo de recollida revisitando as músicas e as historias que as acompañan coincidindo co 70o aniversario da viaxe de Lomax a Galicia (1952-53), Cantometrics renova e pon en valor o repertorio galego do seu arquivo, mostrando as súas conexións con músicas doutras localizacións; ademais de reivindicar o papel das mulleres neste arquivo, tanto o das informantes como o da propia Jeanette Bell.

Cantometrics é unha banda formada por catro músicas galegas de ampla traxectoria musical en diferentes estilos que abranguen dende a música clásica e académica ata a tradicional, pasando polo pop, o folk ou a música electrónica. Marina Vigo (gaita), Luís Bolón (zanfona e percusións), Sandra Pérez (láminas e percusións) e Nébeda Piñeiro (voz), compaxinando a súa actividade artística en grupos como Sondeseu, Néboa ou Loita Amada, integran este proxecto que toma como base o arquivo sonoro de Alan Lomax.


 

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed